O alumnado da primaria e secundaria do programa 'Cinema en curso' inicia as rodaxes de cinco filmes

  Participan o CEIP de Tenorio de Cotobade, o CEIP Camiño Inglés de Oroso, o IES de Poio, o CEIP A Rúa de Cangas e o IES Milladoiro de Ames, co apoio dos cineastas Marcos Flórez, Miguel Mariño e Ángel Santos

  Coordinado en Galicia polo CGAI, este proxecto didáctico busca propiciar o descubrimento do cinema nas aulas a través da creación

O alumnado da primaria e secundaria do programa 'Cinema en curso' inicia as rodaxes de cinco filmes
[01/04/2017]
O programa didáctico 'Cinema en curso' encara a súa recta final co inicio das rodaxes das películas que realizarán estudantes de Primaria e de Secundaria dun total de cinco centros galegos. Este pioneiro proxecto está coordinado en Galicia polo Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) dentro do Plan Proxecta da Consellería de Cultura e Educación.

O programa pretende propiciar o descubrimento por parte dos máis novos do cine entendido como arte, creación e cultura, así como potenciar as posibilidades pedagóxicas deste medio audiovisual dun xeito transversal. Durante meses, os profesores traballan nas aulas xunto a cineastas visitantes diversos conceptos cinematográficos. Esta metodoloxía vincula estreitamente a práctica creativa co visionado de películas, ademais de establecer relacións entre o cine e outras disciplinas.
 
Neste curso 2016-2017 participan o CEIP de Tenorio de Cotobade, o CEIP Camiño Inglés de Oroso, o IES de Poio, o CEIP A Rúa de Cangas e o IES Milladoiro de Ames, co apoio dos realizadores Marcos Flórez, Miguel Mariño e Ángel Santos
 
Os estudantes de ‘Cinema en Curso’ son autores de todos os procesos, dende o guión á montaxe, que sempre se desenvolven de forma colectiva. Durante a rodaxe, os cargos distribúense rotativamente, de xeito que todos pasan polas distintas tarefas dunha produción cinematográfica: dirección, axudantía, son, cámara... Deste xeito, non só se lles ensina como facer cine, senón que tamén se lles aprende a traballar en equipo, a tomar decisións e responsabilidades ou a xerar consensos.
 
Pequenos cineastas en Pontevedra e A Coruña
Esta mesma semana e tras meses reflexionando en torno ao cinema e pensando como e que van filmar, tres dos centros participantes lanzáronse a contar historias próximas que forman parte do seu contorno. Alumnos de 5º de Primaria do CEIP de Tenorio de Cotobade, en Pontevedra, rodaron os primeiros planos dunha historia que versará sobre os canteiros da zona e a importancia da pedra no lugar. Axudados por Marcos Flórez, construirán este relato nas próximas semanas, tendo que enfrontarse aos problemas que sempre xorden neste tipo de producións e atopar xuntos solucións para resolvelos.
 
Tamén de 5º de Primaria son os rapaces e rapazas do CEIP Camiño Inglés en Oroso (A Coruña), que saíron á rúa co realizador Miguel Mariño para intentar evocar a memoria histórica e colectiva de Sigüeiro e, deste xeito, comprender mellor o lugar no que viven. Tamén hai poucos días, o director Ángel Santos sacaba das aulas os seus alumnos do IES de Poio (Pontevedra), estes xa de 4º de ESO, para comezar a filmar un retrato das mariscadoras.
 
A partir da vindeira semana, seguiranos o CEIP A Rúa de Cangas (Pontevedra) e IES Milladoiro en Ames (A Coruña). Os seus alumnos, de entre 11 e 12 anos, traballarán respectivamente con Ángel Santos sobre o oficio das redeiras e con Miguel Flórez sobre a primeira xeración nada en Milladoiro.
 
Os resultados destas cinco rodaxes presentaranse a mediados de xuño na sede do CGAI na Coruña. Nesa sesión, os rapaces e rapazas dos distintos centros terán a oportunidade de compartir entre eles sobre os seus filmes.