Movistar+ súmase a Conecta Fiction para desenvolver un dos seus 10 proxectos de series finalistas

  O mercado MIPTV de Cannes acolle unha presentación deste primeiro encontro de coprodución de ficción televisiva entre Europa, Latinoamérica e Estados Unidos, que terá lugar en Santiago de Compostela do 21 ao 23 de xuño

  Ademais da implicación desta plataforma televisiva, outra das novidades do evento é o nomeamento dun comité asesor do que forman parte os galegos María José Arrojo e Alfonso Blanco

  A Xunta, o ICEX e a Fundación SGAE promoven esta iniciativa, que reunirá en Galicia os representantes de cadeas de televisión, produtoras e marcas de referencia de ambos continentes interesadas en investir en proxectos de coprodución

Movistar+ súmase a Conecta Fiction para desenvolver un dos seus 10 proxectos de series finalistas
[04/04/2017]
Movistar+ súmase en calidade de socio colaborador a Conecta Fiction, que promoven a Xunta de Galicia –a través da Agadic–, o ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE, baixo a produción de InsideContent. O evento terá lugar do 21 ao 23 de xuño na Cidade da Cultura e noutros espazos de Santiago de Compostela.

A plataforma televisiva terá así unha presenza moi activa en diferentes seccións deste evento, primeiro encontro de coprodución de ficción televisiva entre Europa, Latinoamérica e Estados Unidos de fala hispana. Especialmente, nas sesións de ‘pitching’ de proxectos de series e miniseries, entre os que seleccionará un dos 10 finalistas para ofrecerlle un contrato de desenvolvemento.

A incorporación de Movistar+ é unha das últimas novidades da primeira edición de Conecta Fiction, que promoven a Xunta de Galicia –a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic)–, o ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE, baixo a produción de InsideContent. O encontro será obxecto esta mesma tarde dunha presentación profesional no mercado MIPTV de Cannes, para a que tamén se conta coa colaboración de Galicia Calidade, a cargo da degustación de produtos galegos que se lles servirá aos asistentes.
 
Nesta presentación incidirase, así mesmo, no nomeamento e no papel do seu comité asesor internacional, do que forman parte os galegos María José Arrojo, subdirectora do Máster en Produción e Xestión Audiovisual (MPXA), e Alfonso Blanco ‘Fosco’, director xeral de Portocabo, xunto con outros oito expertos procedentes de Alemaña, Arxentina, Colombia, Francia, Italia, Portugal e doutros puntos de España.
 
Busca de talento e de financiamento
O ‘Advisory Board’ achegará os seus coñecementos para o desenvolvemento dos diferentes contidos do programa de Conecta Fiction, que se lle presenta ao sector como unha excelente oportunidade para descubrir talentos e novo proxectos, así como para atopar o financiamento para a posta en marcha de coproducións internacionais.
 
Neste sentido, durante a celebración do evento, a Cidade da Cultura de Galicia converterase nun espazo propicio para que os ámbitos creativo e empresarial entren en contacto directo mediante a participación de produtores executivos, directores, guionistas, compositores, inversores, coprodutores, executivos de cadeas de televisión e plataformas OTT e distribuidores internacionais, entre outros profesionais.
 
Terá especial relevancia, neste sentido, a presenza nesta primeira edición dos responsables de 60 cadeas de televisión, produtoras e marcas de referencia en América e Europa interesadas en investir en proxectos de coprodución internacional.
 
Inscrición de proxectos e de profesionais
Conecta Fiction mantén aberta ata o vindeiro día 15 a convocatoria de inscrición de proxectos de series e miniseries a través da súa web www.conectafiction.com, á que poden optar aquelas propostas que conten cando menos cun 10% do seu financiamento cuberto, teñan un enfoque internacional e unha clara adecuación para ser coproducidas, así como conexión coa cultura española e latinoamericana.
 
De entre todas as recibidas, un comité internacional elixirá os 10 proxectos que participarán no ‘pitching’ de coprodución. Esta será unha das actividades centrais do programa profesional, que ofrecerá tamén outra serie de accións de formación e ‘networking’ encamiñadas á presentación e ao estudo de proxectos cara á negociación e o peche de acordos de coprodución. O rexistro para empresas e profesionais interesados en participar tamén está aberto a través da web, cun desconto especial para as inscricións que se realicen ata o 30 de abril.
 
Ademais, está prevista a organización de diferentes actividades para compartir este evento co público xeral nas noites do 21 ao 23 de xuño. Entre elas, as estreas de series internacionais en exclusiva para España.
 
Co acto desta tarde no pavillón español do MIPTV de Cannes, dáse continuidade á rolda de presentación da primeira edición de Conecta Fiction, que xa foi difundida noutros dos principais mercados do sector, como o NATPE Miami ou o European Film Market da Berlinale, ademais de a través de varias sesións informativas para os profesionais galegos e españois en Santiago e en Madrid.

-Conecta Fiction