O Festival da Luz anuncia as 27 primeiras confirmacións do seu ecléctico cartel

  O director da Agadic acompañou a Luz Casal e os representantes das entidades organizadoras e colaboradoras na presentación da sexta edición do evento, que nos últimos anos contou co apoio económico da Consellería de Cultura e Educación

  A variada oferta artística e a súa faceta solidaria son as sinais de identidade deste encontro, que terá lugar en Boimorto do 8 ao 10 de setembro

  A convocatoria de subvencións da Xunta para festivais de artes escénicas e de música mantén aberto o prazo de solicitude ata o 2 de maio

O Festival da Luz anuncia as 27 primeiras confirmacións do seu ecléctico cartel
[06/04/2017]
A localidade coruñesa de Boimorto volverá acoller por sexto ano consecutivo o Festival da Luz, evento musical e solidario que esta mañá presentou na Fundación Paideia Galiza da Coruña os primeiros 27 grupos e artistas dun cartel que, como nas anteriores edicións, se caracteriza pola súa gran variedade de estilos e procedencias.

Desta volta, xa están confirmadas as actuacións do grupo británico Dr. Feelgood, os españois Mago de Oz, Jarabe de Palo, Rulo y La Contrabanda, León Benavente, Guadalupe Plata, Diana Navarro, Depedro, No Me Pises que Llevo Chanclas, Chimo Bayo, Los Vinagres, Rufus T. Firefly, La Fuga, Morgan e Aries, e os galegos Treixadura, Os Amigos dos Músicos, Eladio y Los Seres Queridos, Terbutalina, Riff Raff, Familia Caamagno, Santiaguiños de Boimorto, Xoán Curiel, The Funkles, Tanxugueiras, Primordiais e Andhrea & The Black Cats.
 
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, acompañou a cantante Luz Casal, impulsora do evento, e a Farruco Castromán, da produtora Zircozine, nesta presentación, na que tamén interviñeron Valentín González, presidente da Deputación Provincial da Coruña; María Jesús Novo Gómez, alcaldesa de Boimorto; Juan Rivas, presidente do Consello Territorial da SGAE en Galicia; e Guillermo Vergara, vicepresidente da Fundación Paideia, así como os representantes doutras entidades colaboradoras.
 
Recadación para Oncomet
Participou, ademais, Laura Muinelo, investigadora do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional (Oncomet), que nestes momentos ten en marcha unha campaña de micromecenado para a súa investigación no ámbito da biopsia líquida, ao que se doarán os fondos recadados polo festival.
 
Como explicou Jacobo Sutil, a Xunta de Galicia vén apoiando economicamente o Festival da Luz a través das anteriores convocatorias de subvencións da Agadic a festivais profesionais de artes escénicas e de música. Lembrou tamén que esta liña específica de axudas anuais mantense desde 2012 como canle estable de apoio público a este tipo de encontros e, para o ano 2017, continúa aberto o prazo de solicitude ata o vindeiro 2 de maio.
 
Segundo o director da Agadic, o feito de que o Festival da Luz resultase adxudicatario destas subvencións durante os últimos tres anos confirma que esta é unha das citas máis destacadas dentro do mapa galego de festivais de música. Nas súas palabras, trátase dunha “aposta diferente, con atractivos para todos os públicos e, musicalmente, moi ecléctica. Isto último (a súa ampla mestura de artistas, de estilos, de procedencias, de actividades, de públicos...) é o seu principal valor”.
 
Sutil incidiu, así mesmo, na súa aposta polo contorno natural e rural como marco do festival e a súa compoñente solidaria a favor de diferentes fins sociais, características ambas que o identifican desde o seu nacemento.

-Festival de la Luz