O CDG levará 'Martes de Carnaval' en galego ao Festival Tercera Setmana de Valencia

  O espectáculo, integrado polas primeiras versións en lingua galega das obras de Valle-Inclán ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’, estréase o 20 de abril en Santiago e viaxará á Comunidade Valenciana a mediados de xuño como parte da súa xira

  A nova produción do Centro Dramático Galego, con dirección escénica de Marta Pazos, poderá verse tamén en Tui, O Barco de Valdeorras, Ourense, A Coruña, Rianxo, Pontevedra e Vigo

O CDG levará 'Martes de Carnaval' en galego ao Festival Tercera Setmana de Valencia
[09/04/2017]
O Centro Dramático Galego (CDG) está a preparar a xira que desenvolverá coa súa nova produción, ‘Martes de Carnaval’, ao tempo que ultima os ensaios cara á estrea o 20 de abril no Salón Teatro de Santiago da que será a primeira montaxe en galego das pezas de Ramón María del Valle-Inclán ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’. 

O Festival Tercera Setmana de Valencia xa está confirmado como un dos destinos do espectáculo, dirixido por Marta Pazos, que se exhibirá o 11 de xuño no Teatro Principal valenciano na súa versión orixinal galega con sobretítulos.
 
Tras as súas primeiras funcións en Compostela –do 20 ao 23 de abril para público xeral e do 24 ao 27, matinais para escolares–, ‘Martes de Carnaval’ poderá verse tamén en Tui (5 de maio no Teatro Municipal), O Barco de Valdeorras (12 de maio no Teatro Municipal Lauro Olmo), Ourense (19 e 20 de maio no Teatro Principal), A Coruña (2 e 3 de xuño no Teatro Rosalía Castro), Rianxo (9 de xuño no Auditorio Municipal), Pontevedra (15 de xuño no Auditorio Afundación) e Vigo (22 de xuño no Teatro Afundación).
 
Dobre estadía en Santiago
Tras este percorrido, o equipo do espectáculo regresará á sede do Centro Dramático Galego no Salón Teatro para se volver a atopar co público compostelán do 28 de xuño ao 16 de xullo.
 
Con esta montaxe, a compañía pública contribúe á incorporación do gran autor arousán ao repertorio teatral en galego no ano en que quedaron liberados os dereitos da súa obra. Baixo a dirección da creadora pontevedresa Marta Pazos, o equipo artístico entrou xa na recta final dos ensaios das dúas pezas que integran a produción.  Del forman parte os 10 intérpretes que encarnarán os seus máis de 30 personaxes: as actrices Iria Azevedo, Mercedes Castro, Anabell Gago e María Roja, e os actores César Cambeiro, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, Machi Salgado e Sergio Zearreta.

Máis información na web do Centro Dramático Galego