A Agadic colabora co concello de Carballo na carteleira da 15ª mostra Primaveira en Danza

  O ciclo, que arranca o 21 de abril no Pazo da Cultura, conta co apoio da Consellería de Cultura e Educación a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios

  O público poderá gozar dos espectáculos das compañías galegas Nuria Sotelo, Las Tricotouses e Ánxela Blanco, e da vasca Kukai Dantza Banaketa

A Agadic colabora co concello de Carballo na carteleira da 15ª mostra Primaveira en Danza
[07/04/2017]
A mostra Primavera en Danza de Carballo presentou hoxe a carteleira da súa 15ª edición, para a que volve contar co apoio da Agadic a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios. Catro espectáculos de danza contemporánea e diferentes actividades paralelas configuran a programación os días 21, 23 e 28 de abril e 5 de maio.

Nesta nova entrega de Primavera en Danza, serán tres as compañías galegas que actuarán no Pazo da Cultura: Nuria Sotelo, que amosará o espectáculo de danza e música en directo Ensaio amor (venres 21 de abril); Las Tricotouses, que representará a peza para público familiar Emoticores (domingo 23); e Ánxela Blanco, con Ulises e a nena durmida inspirada na Odisea (venres 28). Estas tres funcións están cofinanciadas polo Concello de Carballo e Agadic no marco da programación que o Pazo da Cultura desenvolve como socio da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
 
Así o explicou o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen acompañou o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, e ao concelleiro de Cultura e Deporte, Marcos Xosé Trigo, na presentación desta nova edición da mostra.
 
Facilitar o achegamento do público
Sutil gabou a implicación de Carballo coa promoción da cultura en xeral e da danza, en particular, desde a súa aposta polo potencial das compañías galegas, así como por darlle un ‘plus’ de difusión, focalizado e monográfico, que coloca este xénero artístico nun lugar máis destacado dentro da oferta cultural. O director da Agadic aproveitou para facer un chamamento a que un maior número de espazos incorporen espectáculos coreográficos nas súas carteleiras, de xeito que se facilite o achegamento de todo tipo de públicos a estas propostas.
 
Neste sentido, enumerou outras iniciativas da Agadic destinadas á difusión desta disciplina, como son o labor desde o Centro Coreográfico Galego, a inclusión da danza nas programacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios e da Rede Galega de Salas ou a participación noutras accións concretas de índole local, polo que –subliñou– “a colaboración dos titulares de cada espazo é imprescindible para materializar e incrementar a súa promoción”.
 
Máis programación en maio 
Programada arredor do Día Internacional da Danza, que se conmemora o 29 de abril, a mostra carballesa tamén lle ofrecerá ao público a oportunidade de gozar da montaxe dunha das máis destacadas compañías do panorama coreográfico estatal: Oskara, da vasca Kukai Dantza Banaketa (5 de maio).
 
Ademais destas propostas, Primavera en Danza dedica un apartado a actividades complementarias de achegamento á danza contemporánea, para as que se conta cos propios creadores  da carteleira artística. Deste xeito, realizaranse presentacións previas dalgúns dos espectáculos e obradoiros en diferentes centros de ensino e espazos públicos de Carballo. E co mesmo obxectivo divulgativo e organizados baixo o título ‘Como se crea un espectáculo de danza?’, desenvolveranse encontros entre espectadores, coreógrafos e directores ao remate de cada representación.