A versión en galego de 'Martes de Carnaval' sube por primeira vez a escena este xoves da man do Centro Dramático Galego

  A compañía da Xunta de Galicia produce o espectáculo integrado por ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’ que, con estéticas e ambientacións diferentes, darán conta da vixencia e da valentía da obra de Valle-Inclán

  O conselleiro de Cultura presentou esta proposta xunto cos responsables da Agadic e do CDG, a directora escénica Marta Pazos, o elenco de 10 actores e actrices e o resto do equipo artístico

  Tras un primeiro período de exhibición no Salón Teatro, do 20 ao 27 de abril, a montaxe viaxará ata Tui, O Barco de Valdeorras, Ourense, A Coruña, Rianxo, Valencia, Pontevedra e Vigo, para regresar a Santiago do 28 de xuño ao 16 de xullo

 A versión en galego de 'Martes de Carnaval' sube por primeira vez a escena este xoves da man do Centro Dramático Galego
[18/04/2017]
O Café Bar Derby de Santiago, un dos lugares frecuentados por Ramón María del Valle-Inclán durante a súa estadía en Compostela, acolleu hoxe a presentación de Martes de Carnaval, a produción que o Centro Dramático Galego (CDG) estrea este xoves 20, ás 21.00 horas, na súa sede do compostelán Salón Teatro.
Será a primeira ocasión na que soen en galego sobre un escenario as obras de Valle As galas do defunto e A filla do capitán, que integran a proposta da compañía da Xunta de Galicia e reúnen os elementos característicos do esperpento desenvolvido polo gran autor arousán.
 
O conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez; o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e a directora do CDG, Fefa Noia, interviñeron nesta presentación xunto coa directora do espectáculo, Marta Pazos, o elenco de 10 actrices e actores e o resto do equipo artístico.
 
Mirada propia e nova
Román Rodríguez explicou que o “paso a dominio público do legado do excepcional Valle-Inclán” abriu este ano a posibilidade de representar no noso idioma as súas obras e supón, por tanto, unha gran oportunidade para as compañías teatrais galegas. No caso do CDG, felicitou expresamente a súa directora por asumir este reto, “buscando ademais proporcionar unha mirada nova e propia sobre a obra dos grandes dramaturgos de todos os tempos, como, desde logo, é Valle-Inclán”, asegurou.
 
Trasladoulle, así mesmo, os seus parabéns a todo o equipo artístico e técnico que, coa estrea deste xoves, culmina un intenso proceso de produción e ensaios de varios meses, durante os que se lle deu forma a un espectáculo de 2 horas e 35 minutos de duración, cun intervalo de 15 minutos entre as dúas pezas.
 
A primeira delas, As galas do defunto, está ambientada na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, A filla do capitán traslada ao momento actual a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento dePrimo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913.
 
Dialogar cunha icona
A pesar destas dúas aproximacións estéticas diferentes, na proposta de Marta Pazos ambas as obras dan conta da absoluta vixencia temática e simbólica dos textos de Valle-Inclán, así como da súa valentía e risco á hora de criticar as miserias da sociedade a través dunha privilexiada capacidade para a sátira e a retranca. Con este fin, a directora buscou en todo momento unha posta en escena limpa e consecuente co universo creado polo autor galego, poñendo a poética e o traballo de todo o equipo ao servizo do diálogo cunha gran icona da literatura universal.
 
Xunto co persoal técnico do Centro Dramático Galego, implicouse neste proposta un sobresaínte cadro artístico con profesionais que veñen desenvolvendo as súas traxectorias teatrais en compañías de toda a península: Rut Balbís (movemento), Fernando Ribeiro (escenografía), Uxía Vaello (vestiario), José Álvaro Correia (iluminación), Hugo Torres (música e asesoría de dramaturxia), Esther Quintas Salgado (caracterización), Manuel Cortés (tradución), Rosa Moledo (asesoría lingüística), Ernesto Arias (traballo de palabra), Gena Baamonde (asistencia de dirección), José Faro “Coti” (asistencia de escenografía e iluminación), María Villas (asistencia de vestiario) e José Díaz (música e asistencia de produción).       
 
Esforzo interpretativo e físico
En canto ao elenco, as actrices Iria Azevedo, Mercedes Castro, Anabell Gago e María Roja, e os actores César Cambeiro, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, Machi Salgado e Sergio Zearreta dan vida os máis de 30 personaxes que suman As galas do defunto e A filla do capitán. Neste sentido, a posta en escena de Martes de carnaval require dun gran esforzo interpretativo e mesmo físico, así como da rapidez e a precisión técnica en escena e entre bambolinas.
 
O CDG desenvolverá dous períodos de exhibición na súa sede de Santiago con esta nova produción. Tras a estrea deste xoves, poderá verse aquí o venres 21 e o sábado 22, ás 20.30 h, e o domingo 23, ás 18.00 h, así como do luns 24 ao xoves 27 en sesións matinais, ás 10.30 horas, dentro dunha campaña escolar para alumnado a partir de 16 anos de idade. Martes de Carnaval regresará a Compostela para unha segunda estadía no Salón Teatro entre o 28 de xuño e o 16 de xullo. Os billetes para estas funcións xa poden adquirirse a través da web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443, ademais de poñerse á venda na billeteira desde dúas horas antes do comezo de cada representación.
 
Antes de regresar á capital galega, o espectáculo desenvolverá unha xira por outros oito escenarios: Tui (5 de maio no Teatro Municipal), O Barco de Valdeorras (12 de maio no Teatro Municipal Lauro Olmo), Ourense (19 e 20 de maio no Teatro Principal), A Coruña (2 e 3 de xuño no Teatro Rosalía Castro), Rianxo (9 de xuño no Auditorio Municipal), Valencia (11 de xuño no Teatre Principal, dentro de Festival Tercera Setmana), Pontevedra (15 de xuño no Auditorio Afundación) e Vigo (22 de xuño no Teatro Afundación).

-Dossier do espectáculo
-Máis información no web do CDG