A Xunta e os festivais de cinema inadmitidos ás subvencións acadan un acordo para o seu financiamento

  O Festival de Cans, Curtocircuíto, Primavera de Cine e FKM recibirán cantidades proporcionais ás axudas que ían solicitar, e que procederán do remanente non adxudicado na resolución das subvencións

  A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e a Xestora da Coordinadora de Festivais de Cinemas chegan así a unha solución, que posibilitará o apoio da Agadic ás edicións de 2017 destescertames

A Xunta e os festivais de cinema inadmitidos ás subvencións acadan un acordo para o seu financiamento
[21/04/2017]
Os certames audiovisuais de Cans, Curtocircuíto, Primavera de Cine e FKM contarán co apoio da Xunta de Galicia para a realización das súas vindeiras edicións de 2017, despois de que a Consellería de Cultura e Educación e a Xestora de Coordinadora de Festivais de Cinema acadaran un acordo que posibilitará o seu financiamento por parte da Agadic.

En virtude deste acordo, os devanditos catro festivais percibirán diferentes cantidades, proporcionais ás que ían ser solicitadas de seren admitidas as súas solicitudes e que procederán dos 33.439 euros non executados na resolución das subvencións da Agadic a festivais do sector audiovisual. Os pagamentos materializaranse a través de convenios do capítulo IV do orzamento.
 
Tamén queda consensuado polas dúas bandas que o festival Cineuropa queda fóra desta medida, xa que, seguindo as bases da convocatoria, aplícase o criterio que impediría a subvención de dous certames presentados por unha mesma entidade ou institución. Neste caso, ao ser tamén Curtocircuíto promovido polo Concello de Santiago, será este último o festival compostelán quen recibirá apoio por esta vía.
 
Consenso entre ambas partes
Deste xeito, a Consellería e a xestora que goberna a Coordinadora de Festivais de Cinema, colectivo que aglutina a todos os certames cinematográficos de Galicia,comparten que chegan a unha solución conxunta que pon fin a unha situación excepcional, complexa, e non desexada por ningunha das partes. Isto é así porque a Xunta de Galicia reafirma o seu compromiso coa celebración destes festivais, aos que considera estratéxicos para o desenvolvemento e dinamización do sector audiovisual galego; en tanto que os representantes dos certames aceptan esta solución, que lles permitirá contar cun financiamento seguro para o deseño das súas programacións.
 
A Xunta de Galicia, a través da Agadic, tamén se compromete a continuar o diálogo cos festivais audiovisuais galegos e cos seus órganos de representación cara á redacción de futuras convocatorias de subvencións que lles sexan de aplicación, así como á apertura de novas liñas de colaboración.