O Salón Teatro acolle sete funcións da XVIII Mostra de Teatro Universitario de Galicia

  A carteleira completa comeza hoxe na sala Roberto Vidal Bolaño e desenvolverase tamén no Teatro Principal para ofrecer un total de 12 espectáculos montados polas compañías teatrais dos distintos campus galegos

O Salón Teatro acolle sete funcións da XVIII Mostra de Teatro Universitario de Galicia
[27/04/2017]
A Mostra de Teatro Universitario de Galicia bota a andar un ano máis en Santiago de Compostela co Salón Teatro como un dos escenarios da súa décimo oitava edición, xa que a partir de mañá día 28 de abril e ata o vindeiro 4 maio a sede do Centro Dramático Galego (CDG) recibirá sete dos 12 espectáculos que compoñen esta carteleira.

Un día despois da actuación inaugural da Mostra, que terá lugar esta mesma noite na sala Roberto Vidal Bolaño con Sonche bicos, un exercicio do alumnado do 2º curso de interpretación da Escola de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC), a programación trasladarase ao Salón Teatro, onde a compañía Tolemia, da Aula de Teatro da USC, porá en escena a peza titulada Lowcost por Shakespeare, de Beatriz Bravo e Xurxo Barcala. Na fin de semana representaranse Cousas que trouxo a chuvia, de Roberto Salgueiro, da mesma Aula de Teatro (sábado 29); e Femme fatale, obra adaptada a partir dos textos de Roald Dahl polo grupo Green Peppers, tamén da USC (domingo 30).
 
Xa en maio, o luns día 1 poderase ver O home do saco, montaxe composta por seis pezas breves de Juan Mayorga, a cargo da Aula de Teatro NORMAL da Universidade da Coruña. O martes 2 será a quenda de O duelo dos xoguetes, cuxo autor é Félix Álvarez e que será representada pola compañía Polaroid Teatro da USC. A penúltima das funcións no Salón Teatro será o mércores 3, día no que se porá en escena a peza O corno do derradeiro día, unha obra de creación colectiva e representada pola compañía da USC Lobishomes. Pechará a programación neste espazo Compulsivas, versión da obra Toc-Toc de Laurent Baffie, que sube ás táboas da man de ARTías Teatro, da USC.
 
Entradas gratuítas
Todas as funcións da XVIII Mostra de Teatro Universitario na sede do CDG darán comezo ás 21,00 h. As entradas son de balde previo paso polo despacho de billetes, que permanecerá aberto desde as 19,00 h. Só poden retirarse dúas localidades por persoa.
 
Deste xeito, o Salón Teatro ofrecerá nas vindeiras xornadas dúas funcións diarias, xa que entre mañá e o domingo, ás 19.30 h., acollerá tamén a primeira das propostas do novo ciclo do CDG Teatro Ob-sceno. Trátase da peza Unha rosa entre as pernas, da compañía Teatro en Punto, que se representará nos camerinos situados no soto e diante dun máximo de 12 persoas por pase.
  
A sede do CDG continuará a súa programación da actual temporada coa obra de Diego Anido Symon Pédícrí do 5 ao 7 de maio, en tanto que a XVIII Mostra de Teatro Universitario de Galicia trasladarase o 18 de maio ao Teatro Principal de Santiago. Neste espazo desenvolverá os restantes catro espectáculos do total de 12 que integran a carteleira: Enclave D.X., o día 18; A última cornixa do mundo, o día 22; Guerrilla (a última trincheira), o día 23; e A paz perpetua, o 24 de maio.

-Máis información na web do CDG
-Carteleira da XVIII Mostra de Teatro Universitario de Galicia