O CGAI ofrece 80 filmes e 28 encontros con cineastas na súa nova carteleira bimestral

  Oliver Laxe impartirá un curso sobre a súa traxectoria e se converterá en programador da filmoteca durante unha semana

  O Día das Letras Galegas conmemórase coa estrea do documental ‘Contando a Carlos Casares’, de Gonzalo E. Veloso

O CGAI ofrece 80 filmes e 28 encontros con cineastas na súa nova carteleira bimestral
[01/05/2017]
O CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe-Filmoteca de Galicia) inicia mañá martes unha programación bimestral moi diversa, que inclúe as visitas de destacados cineastas. Durante maio e xuño, os autores de 28 dos preto de 80 filmes proxectados acudirán á sede da filmoteca na Coruña para lle presentar as súas obras ao público.

Ademais, o cine galego recibirá unha atención especial coa recuperación dos títulos gañadores dos premios Mestre Mateo deste ano, a estrea do documental Contando a Carlos Casares, de Gonzalo E. Veloso, para conmemorar o Día das Letras Galegas e unha selección de traballos recentes na sección habitual Off Galicia.

Por outra banda, o CGAI continuará a combinar a recuperación de grandes clásicos coa aposta pola vangarda, coa vontade de ofrecer unha perspectiva ampla sobre o cinema e contidos para todo tipo de públicos. Ao ciclo sobre o clásico de Hollywood William A. Wellman, iniciado en abril e que continúa en maio, súmase en xuño o especial Dragones voladores, espadas errantes.

 
Organizado en colaboración coa embaixada de Taiwán, ofrece unha escolma dalgunhas das obras máis persoais do subxénero de artes marciais wushia. Esta variante brillou especialmente na illa asiática durante os anos sesenta e setenta, con autores como King Hu, que, sen esquecer a acción, lle imprimían un ton poético e artístico ás súas propostas. Cineastas posteriores, como Ang Lee enTigre y dragón ou Tsai Ming-liang en Goodbye Dragon Inn, recoñecen a influencia destes mestres da espada.
 
Presentación dos autores todas as semanas
O cinema de autor máis recente será o protagonista dos encontros cos realizadores de moitas das obras proxectadas na sala do CGAI na Coruña. Así, o novo programa bimestral conta con varias presentacións e coloquios todas as semanas. Destaca a visita de Oliver Laxe, que se converterá en programador do 13 ao 17 de xuño, amais de impartir un curso sobre a súa traxectoria.
 
Este curso desenvolverase ao longo de catro sesións nas que o realizador galego porá en contexto a súa película Mimosas, gañadora da pasada Semaine de la Critique de Cannes, con outras fitas de cineastas que, dalgún xeito, influenciaron a súa obra. A súa escolla inclúe títulos de Roberto Rossellini, Andrei Tarkovski, Kaneto Shindô e Monte Hellman, todos eles grandes referentes do cinema moderno.
 
Cada unha das xornadas rematará coa presentación e proxección –aberta tamén ao público– das fitas por el seleccionadas. O curso, para o que se ofertarán 50 prazas, é gratuíto e as instrucións para a inscrición estarán dispoñibles proximamente nas webs do CGAI e da Agadic.
 
Outro ciclo que contará con varios directores visitantes é Cine portugués: novas olladas. Comisariado polo realizador Miguel Castelo, inclúe cinco películas recentes, na súa meirande parte inéditas en España, que dan conta da boa saúde do cine de autor no país veciño. Para complementar esta oferta lusa, a filmoteca engade proxeccións do pintor e director Luis Noronha da Costa, coa actriz Rita Azevedo Gomes como protagonista, en tándem coa súa película de estrea Correspondencias, que se exhibirá na Coruña en colaboración coa sala Numax de Santiago. Programaranse, ademais, dúas sesións para festexar os 25 anos do festival Curtas Vila do Conde.
 
Aposta polo experimental
O cine de vangarda ten tamén unha presenza destacada nesta nova carteleira, dentro da que o cineasta Larry Gottheim, a quen xa se lle dedicara unha retrospectiva en 2014, estará na Coruña o próximo 22 de xuño para presentar os seus últimos traballos.
 
Neste mesmo eido destaca tamén a celebración da (S8) Mostra de Cinema Periférico, co Centro Galego de Artes da Imaxe como unha das súas sedes entre os días 30 de maio e 3 de xuño. O festival coruñés celebrará dunha maneira especial o seu oitavo aniversario, tendo en conta a particularidade dos formatos en que proxecta, centrados no súper8. A programación que desenvolverá na filmoteca inclúe pezas de referentes do cine de vangarda como Ken Jacobs, Joseph Cornell, Helga Fanderl ou Steve Polta.
 
Ademais, este bimestre recibirase a visita do cineasta arxentino Matías Piñeiro con motivo da proxección das súas dúas últimas ficcións. Habitual do CGAI, que lle prestou atención desde os seus primeiros traballos, o porteño converteuse en poucos anos nunha das figuras máis relevantes do panorama do cine de autor internacional.

-Programación en pdf