'Martes de Carnaval' do CDG inicia en Tui unha xira por oito escenarios de Galicia e Valencia

  O Teatro Municipal tudense será este venres o primeiro destino do espectáculo tras as súas primeiras funcións en Compostela, onde poderá verse de novo a partir de finais de xuño

  A compañía pública representa por vez primeira en galego as obras de Valle-Inclán As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’, baixo a dirección escénica de Marta Pazos

 'Martes de Carnaval' do CDG inicia en Tui unha xira por oito escenarios de Galicia e Valencia
[03/05/2017]
O Centro Dramático Galego (CDG) representará Martes de Carnaval, de Valle-Inclán, este venres día 5 ás 21,30 h. no Teatro Municipal de Tui, primeira parada da xira que inclúe tamén outros sete escenarios de Galicia e Valencia. A nova produción da compañía pública ofrece as primeiras versións en galego dos esperpentos As galas do defunto e A filla do capitán.
O espectáculo está dirixido pola creadora pontevedresa Marta Pazos e interpretada por un elenco de 10 actores e actrices. Dous deles, Anabell Gago e Machi Salgado, participaron hoxe na presentación desta primeira función da xira xunto co alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro; o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil; e a concelleira de Cultura deste municipio, María José González.
 
O director da Agadic chamou a atención sobre o excelente e moi esixente traballo que realiza todo o elenco no que, ademais de Anabell Gago e Machi Salgado, figuran Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja e Sergio Zearreta. “Xuntos danlle vida aos máis de 30 personaxes que suman as dúas pezas”, asegurou, ao tempo que animou o público a non perder a oportunidade de ver esta montaxe que, nas súas palabras, “require dun gran esforzo interpretativo e mesmo físico, así como da rapidez e a precisión técnica en escena e detrás do escenario”.
 
Vixencia temática e simbólica
Sutil destacou tamén o traballo do resto do equipo artístico que, xunto con Marta Pazos e o cadro técnico do CDG, se implicou durante varios meses no proceso de produción dun espectáculo composto por dúas pezas diferentes, pero que en ambos casos reflicten a vixencia temática e simbólica dos esperpentos de Valle-Inclán, así como a súa valentía e risco á hora de criticar con sátira e retranca as miserias da sociedade.
 
A primeira delas, As galas do defunto, está ambientada na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, A filla do capitán traslada ao momento actual a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento dePrimo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913.
 
A partir de dúas aproximacións estéticas diferentes, a proposta de Marta Pazos desenvolve unha posta en escena limpa e consecuente co universo creado polo autor arousán, poñendo a poética e o traballo de todo o equipo ao servizo do diálogo cunha gran icona da literatura universal.
 
As entradas para a función deste venres poden adquirise a través do web www.culturatui.info ata as 12,00 h. dese día e no despacho de billetes do Teatro Municipal tudense desde unha hora e media antes de que comece a representación.
 
Próximas datas
A xira de Martes de Carnaval continuará en O Barco de Valdeorras (12 de maio no Teatro Municipal Lauro Olmo), Ourense (19 e 20 de maio no Teatro Principal), A Coruña (2 e 3 de xuño no Teatro Rosalía Castro), Rianxo (9 de xuño no Auditorio Municipal), Valencia (11 de xuño no Teatre Principal, dentro do Festival Tercera Setmana), Pontevedra (15 de xuño no Auditorio Afundación) e Vigo (22 de xuño no Teatro Afundación).
 
Ademais, e tras unha primeira estadía no Salón Teatro, sede do CDG en Santiago, onde se estreou o pasado 20 de abril, o espectáculo regresará a Compostela o 28 de xuño para a súa última quenda de representacións, que se estenderá ata o 16 de xullo.

-Dossier do espectáculo
-Máis información e galería de imaxes