O Salón Teatro acolle o espectáculo 'Symon Pédícrí', do creador compostelán Diego Anido

  O escenario do CDG programa a partir de mañá e ata o domingo esta montaxe, que combina humor, demencia, teatro físico e ventriloquia

  Os mesmos días reporase a peza ‘Unha rosa entre as pernas’, de Teatro en Punto, que volverá ser representada nos camerinos ás 19,30 h.

O Salón Teatro acolle o espectáculo 'Symon Pédícrí', do creador compostelán Diego Anido
[04/05/2017]
O creador compostelán Diego Anido ocupará esta fin de semana o Salón Teatro de Santiago de Compostela, onde  representará o espectáculo Symon Pédícrí. A primeira función levarase a cabo mañá ás 20,30 h. e haberá outros dous pases o sábado 6, á mesma hora, e o domingo 7, ás 18,00 h., como parte da programación de temporada do CDG.
Estas serán as últimas representacións deste espectáculo, asinado por Anido xunto con Jorge Acebo e Pablo Rosal para compoñer unha proposta que mestura teatro físico, humor e ventriloquia, como é habitual nas súas creacións.
 
O equipo xa estiveran en febreiro de 2013 na sede do CDG, cando desenvolveu un período de residencia e mostrou un avance do proceso de creación de Symon Pédícrí no que se puxo en escena o núcleo do espectáculo ata o momento no que se atopaba, daquela, a produción.
 
Versión final
Agora, máis de catro anos despois e tras acadar o apoio de distintos festivais de novas tendencias e a colaboración de El Graner Fábrica de Creación ou do Mercat de les Flors de Barcelona, a compañía presenta a obra totalmente rematada.
 
A historia está inspirada na biografía de Symon Pédícrí II, un cirurxián autodidacta de gran talento que nace nove meses, nove días e 16 horas despois do pasamento de Symon Pédícrí I, o irmán homónimo que quedará no seu subconsciente toda a súa vida. Sabedor de que o seu alter ego tivo que morrer para que os seus pais o concibisen, chegou a aplicar o legado científico dos Pédícrí, antigos criadores de cabalos, sobre o seu propio corpo.
 
Volta aos camerinos
Ademais de Symon Pédícrí, e logo do éxito a pasada fin de semana do espectáculo de Teatro en Punto Unha rosa entre as pernas nos camerinos do Salón Teatro, os protagonistas desta última peza, Xosé Luís Bernal ‘Farruco’ e Roberto Leal, volven actuar para todos aqueles que non puideron ocupar unha das únicas 15 cadeiras dispostas para o público en cada sesión. Serán outras tres funcións: venres, sábado e domingo ás 19,30 h.
 
As localidades para Symon Pédícrí están á venda no despacho billetes do Salón Teatro (aberto desde as 18,30 h.) ao prezo de 10 euros para venres e sábado (cos descontos habituais) e de 6 euros para o domingo, Día do Espectador. Tamén se poden mercar na billeteira electrónica abanca.com.
 
No caso de Unha rosa entre as pernas aplícase o prezo único de 3 euros e as entradas só poden adquirirse de xeito presencial.

Máis información sobre 'Symon Pédícrí'