O CGAI reforza a súa aposta polo cinema galego con 12 representacións de filmes en dous meses

  Destacan a estrea de ‘Contando a Carlos Casares’, de Gonzalo E. Veloso, a véspera do Día das Letras Galegas e a proxección de ‘Mimosas’, de Oliver Laxe, quen ofrecerá un curso arredor da película

O CGAI reforza a súa aposta polo cinema galego con 12 representacións de filmes en dous meses
[05/05/2017]
O CGAI-Filmoteca de Galicia reforza no seu programa de maio e xuño a aposta pola difusión do noso cinema, ao incluír 12 proxeccións dedicadas a obras de creadores galegos ou producidas en Galicia. As sesións insírense na sección permanente Off Galicia e esténdense a toda unha serie de iniciativas e colaboracións con outras entidades.

Un dos principais reclamos desta programación é a estrea o 16 de maio do documental de Gonzalo E. Veloso Contando a Carlos Casares, sobre o homenaxeado das Letras Galegas este ano. O director entrevista a familiares e expertos na obra do literato para compor un retrato á vez íntimo e profesional desta polifacética figura das letras, que salientou na narrativa, o ensaio e o xornalismo. A fita recolle tamén a súa afección cinéfila, que quedou plasmada na súa novela Ilustrísima.
 
Na conmemoración do Día das Letras Galegas insírese tamén A lingua animada, un conxunto de curtametraxes adaptadas de relatos da literatura galega por Tomás Conde e Virginia Curiá, feitas en animación con plastilina e destinadas á rapazada. A sesión terá lugar o 13 de maio.
 
Outra cita importante é a de Mimosas, de Oliver Laxe, o 17 de xuño. A gañadora da Semaine de la Critique de Cannes é unha lírica viaxe polo Atlas marroquí, que entraña moitos misterios. Para explicalos desde a súa voz creadora, Laxe impartirá un curso ao longo de toda esa semana, no que repasará as influencias de varios dos seus mestres cinematográficos, a través dun programa de catro películas que el mesmo elixiu. Así, clásicos de Roberto Rossellini, Andrei Tarkovski, Kaneto Shindô e Monte Hellman poderán verse do 13 ao 16 de xuño como complemento ao curso e á proxección de Mimosas. Os detalles de inscrición no obradoiro, de balde, estarán en breve dispoñibles nas páxinas webs do CGAI e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
 
Cinema propio explicado polos seus creadores
Ademais de todo o anterior, o programa que máis películas galegas proxectará é Off Galicia. Esta sección permanente pretende amosar a diversidade da cinematografía local e a súa crecente calidade e impacto a nivel internacional. Todas as sesións contarán coa presenza na sala dos realizadores dos filmes que se proxectan, para a súa presentación previa diante do público.

A selección ábrese esta mesma tarde, ás 20,30 h., con Sons do mercado, de Marcos Nine, e Vikingland 2016, de Ulobit; e continuará mañá, ás 18,00 h., con El tour de los populares, de Marina Pérez e Matías Losada. As non ficcións Pessoa/Lisboa e Manuel Vilariño. Ser luz, do comisario Alberto Ruiz de Samaniego e do realizador José Manuel Moriño, proxectaranse o 20 de maio e o 9 de xuño, respectivamente, en tanto que Azul, de Jesús Pérez Vázquez, poderá verse o 24 de xuño.
 
Adicionalmente, os días 18 e 19 de maio, ofrecerase un programa en colaboración coa Academia Galega do Audiovisual, cos gañadores dos Mestre Mateo na súa pasada edición. Deste xeito, os espectadores terán unha nova oportunidade de ver Einstein-Rosen (Olga Osorio), María y los demás (Nelly Reguera), Decorado (Alberto Vázquez) e Esquece Monelos (Ángeles Huerta).
 
O (S8) Mostra de Cinema Periférico sumará tamén unha sesión coas últimas curtametraxes do cinema de vangarda galego na súa sección Sinais en Curto, que se proxectará no CGAI o 31 de maio.

[Na imaxe, fotograma do documental 'Contando a Carlos Casares']

-Web do CGAI