Chega ao CGAI o cinema portugués recente coa celebración de dous ciclos en maio e xuño

  O programa 'Cine portugués: novas olladas', comisariado polo cineasta galego Miguel Castelo, inclúe seis títulos de destacados realizadores do momento

  A filmoteca celebra, ademais, os 25 anos do festival Curtas Vila do Conde cunha selección das pezas máis salientables do certame luso

Chega ao CGAI o cinema portugués recente coa celebración de dous ciclos en maio e xuño
[08/05/2017]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) incide na promoción na cinematografía portuguesa a través de dous ciclos de cinema específicos no seu programa dos meses de maio e xuño, coa finalidade de divulgar unha filmografía moi próxima xeograficamente, mais moi descoñecida para a meirande parte do público. 

Así, o cineasta galego Miguel Castelo fixo para o CGAI unha escolma de seis longametraxes recentes de directores que trunfan en Portugal e alén das súas fronteiras, mentres que a colaboración co festival Curtas Vila do Conde, para celebrar os seus 25 anos de vida, permitirá descubrir as últimas tendencias en curtametraxes.
 
Baixo o título de 'Cine portugués: novas olladas', o ciclo suxerido por Castelo comeza este mércores 10 de maio con A Toca do Lobo, de Catarina Mourão, unha historia familiar sobre o avó da directora, o escritor Tomaz de Figueredo, que se erixe en retrato do Portugal dos nosos días. Castelo acompañará a cineasta, que visitará a sede do CGAI na Coruña para a presentación da película.
 
Ademais, os realizadores Maya Cosa e Sérgio da Costa virán debater co público en torno á súa cinta Río Corgo (proxección o 14 de maio) e José Oliveira e João Pedro Plácido introducirán, respectivamente, os seus filmes Longe e Volta à Terra (programados os dous para o 7 de xuño). A selección complétase con Amateur de Olga Ramos (11 de maio) e Uma Rapariga da Sua Idade, de Márcio Laranjeira (8 de xuño).
 
O modelo Vila do Conde
O CGAI sumarase tamén á celebración do 25º aniversario do festival Curtas Vila do Conde, referencia en Europa entre os dedicados á curtametraxe, e ademais produtor de filmes nas súas últimas edicións. Así o fixo enNoite sem Distância, do galego Lois Patiño, como leva a cabo habitualmente con directores portugueses, ademais de distribuír moitas pezas do país a nivel internacional.
 
Así, unha escolma dos mellores traballos producidos ou distribuídos por Vila do Conde, incluíndo o de Patiño, poderá verse os días 8 e 9 de xuño para conmemorar este cuarto de século do festival luso. Poucos días antes, o 6 de xuño, recuperaranse varios traballos do pintor e cineasta Luis Noronha da Costa, nos que a actriz Rita Azevedo Gomes é protagonista. Será unha xornada dedicada a ela, pois preséntase tamén Correspondencias, o seu último filme como directora, estreado no festival de Locarno e gañador do mellor filme en Doclisboa.

[Na imaxe, fotograma do documental 'A toca do lobo', de Catarina Mourão]
-Máis información na web do CGAI