O espectáculo Tropical, da compañía Elefante Elegante, ocupa esta semana o Salón Teatro

  Dirixido por Gonçalo Guerreiro e María Torres, represéntase dende hoxe e ata o domingo 14 en funcións escolares e para público xeral

  Parte da produción da peza, que contou cunha subvención da Agadic, levouse a cabo a través dunha residencia na sede do Centro Dramático Galego

O espectáculo Tropical, da compañía Elefante Elegante, ocupa esta semana o Salón Teatro
[10/05/2017]
A programación do CDG no Salón Teatro continúa esta semana coa compañía Elefante Elegante, que representa o seu espectáculo Tropical dende hoxe e ata o domingo 14. As funcións escolares, estes dous primeiros días, comezan ás 11,00 h. mentres que as dirixidas a público xeral serán o venres 12 e o sábado 13 (20,30 h.) e o domingo 14 (18,00 h.).

Esta proposta escénica, que formou parte do programa de residencias do CDG e foi adxudicataria dunha subvención á produción escénica por parte da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), preséntase como un espectáculo sensitivo, universal e evocador, que mergulla o espectador no universo da viaxe e na súa vasta riqueza de matices e dimensións.
 
Tropical xira arredor dunha singradura marítima, onde se cruzan dúas realidades moi distintas, as dúas na procura da felicidade. A obra discorre nun cruceiro cheo de turistas entretidos por un grupo de variedades, que parte dende o Norte en dirección a Tunisia para o descanso dos viaxeiros. No seu traxecto, crúzase unha balsa repleta de refuxiados, que tenta chegar dende o Sur á costa italiana. A ironía está servida, xa que ambos os grupos atópanse na busca da felicidade e no mesmo lugar de partida.
 
María Torres e Gonçalo Guerreiro asumen a dirección dunha peza na que eles mesmos actúan. Contan, ademais, cun elenco de actores e actrices que completan Marta Alonso Tejada, Ánxela Blanco e Fredi Muíño. Para esta creación, Elefante Elegante contou co asesoramento temático dodoutor en antropoloxía Carlos Diz. O vestiario é da premiada deseñadora coruñesa Beatriz Clara.
 
Imaxes, música e danza
A obra está dividida en tres actos, prólogo e epílogo, e emprega na súa execución unha linguaxe asentada nas imaxes, no movemento, na música e na danza, o que lle serve ao espectador para reflexionar sobre as diferenzas que hai entre o Norte e o Sur xeográficos.
 
As entradas para as representacións do 12 e o 13 de maio teñen un prezo de 10 euros, cos descontos habituais do 40% para determinados colectivos sociais e profesionais. O domingo 14, ao ser Día do Espectador, a entrada única custa 5 euros. A venda anticipada está xa operativa no web abanca.com e no despacho de billetes do Salón Teatro, aberto desde dúas horas antes do comezo das funcións.
 
Máis teatro no Salón
Despois de Tropical, a carteleira deste mes presenta ‘Os mortos daquel verán’, unha coprodución de Talía Teatro co Centro Dramático Galego sobre a novela de Carlos Casares, o autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas. De feito, esta montaxe será a proposta que acollerá o Salón Teatro o 17 de maio, e da que se levarán a cabo outras dúas funcións o martes 16 e o xoves 18.
 
A axenda de maio pecharase con outra proposta escénica, neste caso BU21, a cargo de Avento Producións Teatrais, que se representará entre os días 24 e 28.

-'Tropical' na web do CDG