O CDG achégalle 'Martes de Carnaval' ao público ourensán con funcións no Barco e Ourense

  O espectáculo que dirixe Marta Pazos, a partir de Valle-Inclán, represéntase mañá no Teatro Municipal Lauro Olmo valdeorrés e a semana que vén no Teatro Principal da cidade das Burgas

  Un elenco de 10 actores e actrices pon en escena, por vez primeira en galego, os esperpentos ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’

O CDG achégalle 'Martes de Carnaval' ao público ourensán con funcións no Barco e Ourense
[11/05/2017]
A xira do Centro Dramático Galego (CDG) coa súa produción Martes de Carnaval, de Valle-Inclán, chega á provincia de Ourense para ofrecer tres funcións no Barco de Valdeorras e en Ourense. A primeira destas citas será co público barquense mañá mesmo, ás 21,00 horas, no Teatro Municipal Lauro Olmo.

A continuación, a compañía pública porá rumbo cara ao Teatro Principal da cidade das Burgas, onde representará este espectáculo o venres 19, ás 11,00 horas, para centros escolares de Ourense e comarca, e o sábado 20, ás 20,30 horas, para público xeral.   
 
Marta Pazos dirixe esta proposta, que leva a escena por vez primeira en galego as obras de Valle-Inclán As galas do defunto e A filla do capitán. Un elenco de 10 actores e actrices (Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta) dálle vida aos máis de 30 personaxes que suman as dúas pezas, nun esixente traballo interpretativo e mesmo físico, que require tamén dunha gran rapidez e precisión técnica entre bambolinas.
 
Carga simbólica
A partir de aproximacións estéticas e temáticas diferentes, as dúas pezas que integran Martes de Carnaval dan conta da vixencia simbólica destes esperpentos de Valle-Inclán, así como da súa valentía á hora de criticar con sátira e retranca as miserias da sociedade.
 
A primeira delas, As galas do defunto, está ambientada na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, A filla do capitán traslada ao “Madrid moderno” a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento dePrimo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913.
 
Marta Pazos optou para esta produción por unha posta en escena limpa, ao servizo do particular universo creado polo gran autor arousán. Xunto co cadro técnico do CDG, contou para este fin cun equipo artístico integrado por destacados profesionais que veñen desenvolvendo as súas traxectorias teatrais en compañías de toda a península: Rut Balbís (movemento), Fernando Ribeiro (escenografía), Uxía Vaello (vestiario), José Álvaro Correia (iluminación), Hugo Torres (música e asesoría de dramaturxia), Esther Quintas Salgado (caracterización), Manuel Cortés (tradución), Rosa Moledo (asesoría lingüística), Ernesto Arias (traballo de palabra), Gena Baamonde (asistencia de dirección), José Faro “Coti” (asistencia de escenografía e iluminación), María Villas (asistencia de vestiario) e José Díaz (música e asistencia de produción).      
 
Venda de entradas
As entradas para a función de Martes de Carnaval mañá no Barco poden adquirirse a un prezo de 5 euros na oficina do Teatro Municipal Lauro Olmo en horario de 12,00 a 14,00 horas ou no despacho de billetes desde unha hora antes do comezo do espectáculo.
 
En canto á representación do sábado 20 en Ourense, inserida no programa de abonos da temporada de teatro do Principal, as entradas poden mercarse xa no web entradas.ataquilla.com ou no teléfono 902 504 500. No despacho de billetes, estarán á venda o venres 19 de 12,00 a 14,00 h. e o sábado 20 de 12,00 a 14,00 e desde as 18,30 h. Os seus prezos oscilan entre os 10 e os 15 euros.
 
En xira
A xira de Martes de Carnaval, que arrancou a pasada semana en Tui, continuará no mes de xuño na Coruña (días 2 e 3 no Teatro Rosalía Castro), Rianxo (día 9 no Auditorio Municipal), Valencia (día 11 no Teatre Principal, dentro do Festival Tercera Setmana), Pontevedra (día 15 no Auditorio Afundación) e Vigo (día 22 no Teatro Afundación).
 
Ademais, e tras unha primeira estadía no Salón Teatro, sede do CDG en Santiago, onde se estreou o pasado 20 de abril, o espectáculo regresará a Compostela o 28 de xuño para a súa última quenda de representacións ata o 16 de xullo.

-Dossier do espectáculo

-Máis información e galería de imaxes