O Salón Teatro de Santiago acolle o espectáculo de Avento Producións 'Bu21'

  A compañía viguesa representa esta peza ata o domingo na sede do Centro Dramático Galego

  Xoán Abreu dirixe a adaptación do texto orixinal de Stuart Slade coa interpretación de Fernanda Barrio, Dunia Díaz, Martín Máez, Fran Peleteiro, Rocío Salgado e Machi Salgado

O Salón Teatro de Santiago acolle o espectáculo de Avento Producións 'Bu21'
[25/05/2017]
A carteleira do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro de Santiago de Compostela continúa coa súa programación para o mes de maio coa chegada da compañía teatral viguesa Avento Producións Teatrais, que representará ata o domingo día 28 a obra BU21, un texto do autor británico Stuart Slade dirixido por Xoán Abreu. 

BU21 é o nome dun voo que é atacado por unha célula terrorista cando se dispón a aterrar en Londres. Os feitos dátanse no 22 de xullo de 2017. Na mañá dese día, a capital inglesa sofre un atentado nun dos seus aeroportos, o que cambia a vida de milleiros de persoas. A peza conta seis historias diferentes: as dos seis pasaxeiros e pasaxeiras que sobreviviron ao atentado.
 
Para a escrita do texto, Stuart Slade recolleu os testemuños reais de diversos sobreviventes a algúns dos atentados terroristas máis tráxicos da historia, como o 11S, as explosións do 7 de xullo en Londres ou os ataques terroristas de París.
 
Con escenografía e iluminación a cargo de Diego Valeiras, na proposta de Avento, Fernanda Barrio, Dunia Díaz, Martín Máez, Fran Peleteiro, Rocío Salgado e Machi Salgado interpretan esas declaracións nunha montaxe que aglutina momentos conmovedores, terribles, inspiradores e, por veces, cheos de ironía.
 
Cinco días en carteleira
O espectáculo BU21, do que se ofreceu xa onte unha primeira función, seguirá no Salón Teatro hoxe xoves 25, venres 26 e sábado 27 ás 20,30 h., así como o domingo, ás 18,00 h. As localidades para as representacións do 24 ao 27 de maio teñen un prezo de 10 euros, cos descontos habituais do 40% para determinados colectivos sociais e profesionais. O domingo 28, ao ser Día do Espectador, a entrada única custa 5 euros. A venda está dispoñible no despacho de billetes nos días de apertura, desde dúas horas do comezo das funcións.
 
 Un día despois da última función de BU21, o Salón Teatro volverá ser unha das sedes, por segundo ano consecutivo, da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), organizada polo Museo do Pobo Galego. As proxeccións no espazo escénico da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria prolongarase dende o día 29 de maio ata o 3 de xuño.

-Máis información sobre 'Bu21'
-Dossier da peza teatral