A Agadic subvenciona a presenza da cultura galega en 19 países dos cinco continentes

  Publicou a primeira quenda de adxudicacións ao abeiro das axudas públicas ás actividades de distribución nas industrias culturais, a través da que concedeu 246.315 euros do total de 435.000 convocados en 2017

  Apóianse 301 actuacións escénicas, concertos e accións de promoción da cultura galega en Alemaña, Alxeria, Australia, Canadá, China, Colombia, Costa Rica, España, EE.UU., Francia, Holanda, México, Noruega, Nova Zelandia, O Salvador, Perú, Polonia, Portugal e Reino Unido

A Agadic subvenciona a presenza da cultura galega en 19 países dos cinco continentes
[24/05/2017]
A escena, a música e a arte de Galicia estarán presentes nos cinco continentes co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) ao abeiro da súa convocatoria anual de subvencións ás actividades de distribución nas industrias culturais, da que se acaba de publicar a primeira quenda de adxudicacións.

A través desta concesión, que pode consultarse aquí, contribúese á realización de 301 actuacións escénicas, concertos e accións de promoción da nosa industria cultural en diferentes localidades galegas e españolas, así como noutros 18 países: Alemaña, Alxeria, Australia, Canadá, China, Colombia, Costa Rica, Estados Unidos, Francia, Holanda, México, Noruega, Nova Zelandia, O Salvador, Perú, Polonia, Portugal e Reino Unido.  
 
Ata o momento distribuíronse 246.315 euros dos 435.000 cos que se dotou esta convocatoria, para a que o prazo de solicitude permanecerá aberto ata o 31 de agosto ou ata esgotar o orzamento das súas catro modalidades. De feito, esta primeira resolución indica que xa foron adxudicados os 100.000 euros da categoría para actuacións escénicas dentro de Galicia, mediante a que se subvencionan 109 funcións das compañías Aporía Teatro, Bocaberta, Contraproducións, Ibuprofeno Teatro, Producións Teatráis Excéntricas, Redrum e Voadora en medio cento de localidades.
 
De non existiren suficientes solicitudes no resto das modalidades, centradas nas accións exteriores e para as que se reserva unha dotación de 335.000 euros, o importe non adxudicado se poderá destinar tamén a distribución interior.
 
Xiras internacionais
Mediante estas axudas, a Xunta cofinancia os gastos que asumen as empresas á hora de buscar unha maior proxección do seu traballo e dos seus produtos. Así, en canto á promoción exterior, apóianse importantes xiras e concertos estatais e internacionais, como a desenvolvida por Carlos Núñez en 17 cidades de EE.UU. e Canadá entre os meses de marzo e abril, as súas presentacións en Rotterdam (Holanda), Madrid e Segovia ou os seus próximos concertos en Biscaia e Francia, entre os que se inclúe o que protagonizará en xullo no Festival de Cornouaille.
 
Outros dos artistas que contan con apoio da Agadic para levar a nosa música fóra de Galicia son Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre (na imaxe) para as súas recentes actuacións en Alxer, Glasgow e Oslo, así como para as que ofrecerá en Cataluña, Noruega, Francia (incluíndo o Festival de Lorient) e Estados Unidos, país no que teñen prevista unha xira por seis cidades para o vindeiro mes de setembro. Tamén se colabora co violinista Alfonso Franco nas súas presentacións en México e Costa Rica; Bolboreta, o proxecto musical de Lydia Botana, en Francia e Cataluña; Guadi Galego en Portugal, Cataluña e Madrid, e Leilía no Laborarte de Madrid.
 
Ademais, Galicia estivo representada a través de diferentes empresas e artistas en mercados musicais de referencia internacional, como o Circulart de Medellín (Colombia), South by Southwest de Austin (Estados Unidos), Sounds of the Xity de Pequín (China) e Jazzahead de Bremen (Alemaña).
 
Circo galego en Oceanía
Tamén é relevante a presenza exterior de formacións escénicas, como as de novo circo Pistacatro, cunha decena de actuacións de artistas deste colectivo o pasado mes de marzo en diferentes festivais de Nova Zelandia, Australia e Reino Unido; CAIR, en Andalucía, Comunidade Valenciana e País Vasco; e Peter Punk, na última Mostra de Pallasos de Xirivella (Valencia).
 
En danza, figuran nesta primeira listaxe de adxudicacións as funcións de Nova Galega de Danza en Perú, Sólodos en Albacete e Costa Rica, e Traspediante no Salvador e tamén en Costa Rica. No caso do teatro, apóianse as compañías Baobab Teatro nas súas actuacións en oito comunidades autónomas; CinemaSticado noutras cinco comunidades e mais en Polonia; Chévere, nas Naves del Español de Madrid, Albacete e Braga (Portugal); Galitoon, no Museo do Prado, Murcia e unha extensa xira por Castela-A Mancha; Ibuprofeno Teatro no Certamen Nacional de Teatro Garnacha de Rioja Haro; Producións Teatráis Excéntricas nas localidades portuguesas de Maia e Matosinhos, e Voadora en Bilbao, Sevilla e Zaragoza, ademais de nas próximas edicións dos festivais Fitei do Porto, Almada e Alcalá de Henares.
 
Tamén no ámbito escénico, subvenciónase a presenza galega en Mercartes, Madferia e Fetén, mentres que en arte contemporánea figura nesta relación de mercados profesionais a feira Art Madrid.

Na imaxe, Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre. Fonte: www.xabierdiaz.com