O CGAI proxecta o filme 'Esperpentos' de xeito previo ás funcións de 'Martes de Carnaval' na Coruña

  A película de José Luis García Sánchez poderá verse mañá ás 18,00 h. na Filmoteca de Galicia con entrada gratuíta para o público

O CGAI proxecta o filme 'Esperpentos' de xeito previo ás funcións de 'Martes de Carnaval' na Coruña
[26/05/2017]
O CGAI-Filmoteca de Galicia ofrecerá mañá, ás 18,00 h., na Coruña a proxección do filme Esperpentos, de José Luis García Sánchez, nunha sesión que aborda a adaptación cinematográfica da obra de Valle-Inclán. O pase está programado de xeito previo ás funcións que o CDG ofrecerá a vindeira semana coa súa produción Martes de Carnaval

Con guión de Rafael Azcona e fotografía de José Luis Alcaine e Javier Salmones, Esperpentos (2008) é unha viaxe pola obra de Valle da man de D. Manolito e D. Estrafalario, dous personaxes que pasan os últimos años da ditadura de Primo de Rivera seguíndolle a pista ás pezas teatrais do seu admirado dramaturgo, prohibidas por orde gobernativa. Así, un día asisten á lectura de Las galas del difunto, retrato dos soldados que volvían da Guerra de Cuba; noutra ocasión, nunha caseta de feira acoden á representación de Los cuernos de don Friolera, cruel historia da defensa da honra cuarteleira. Están presentes incluso na rodaxe do primeiro filme valleinclanesco: La hija del capitán, un documento xocoso sobre as relacións entre a intendencia militar e a defensa da Patria. E todo, á espera da chegada dun dos seus soños: o da Segunda República Española.
 
A película, cunha banda sonora na que participou o grupo Milladoiro, conta coa interpretación das actrices galegas María Pujalte e Mabel Rivera, que comparten reparto con Juan Diego, Juan Luis Galiardo, Adriana Ozores, Pilar Bardem, Pepón Nieto ou Magüi Mira, entre outros.
 
Funcións os días 2 e 3 no Rosalía
Esperpentosincorpórase á carteleira do apartado Fóra de Serie da filmoteca galega, con entrada libre para o público ata completar a capacidade da sala, e asociada á chegada á Coruña de Martes de Carnaval, o espectáculo que o CDG representará no Teatro Rosalía Castro en colaboración co Concello da Coruña os vindeiros días 2 e 3 de xuño, ás   20,30 h. A produción está integrada precisamente por dous dos títulos de Valle-Inclán que guían o argumento do filme Esperpentos:As galas do defunto e A filla do capitán.
 
A pontevedresa Marta Pazos dirixe esta proposta teatral cun elenco de 10 actores e actrices: Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta. A través do esixente traballo interpretativo e mesmo físico que levan a cabo todos eles, danlle vida a máis de 30 personaxes.
 
A partir de aproximacións estéticas e temáticas diferentes, as dúas pezas que integran Martes de Carnaval dan conta da vixencia simbólica destes esperpentos de Valle-Inclán, así como da súa valentía á hora de criticar con sátira e retranca as miserias da sociedade.

[Na imaxe, fotograma de Esperpentos]

-Máis información na web do CGAI