O Salón Teatro proxecta 13 filmes da XII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico

  O Museo do Pobo Galego organiza este encontro, no que colabora o CDG para a difusión de títulos galegos e de fóra de Galicia desde a súa sede en Santiago

O Salón Teatro proxecta 13 filmes da XII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico
[29/05/2017]
Por segundo ano consecutivo, o Salón Teatro será un dos espazos que acolla a carteleira da XII Mostra Internacional de Cinema Etnográfico, organizada polo Museo do Pobo Galego. A partir de mañá e ata o 3 de xuño, a sede do CDG transformarase nunha sala de cinema, na que se poderán ver 13 películas galegas e de fóra de Galicia.

En concreto, os títulos programados son L’eau Sacrée e El hombre que embotelló el sol, mañá martes 30; Remember your name, Babylon, O moredo. A resistencia do Entroido ribeirao e a selección de curtas da sesión 1977-2017, catro décadas de cinema etnográfico (organizada polo Cineclube Compostela sobre os corenta anos do Museo do Pobo), que inclúe Fiadeiras de Zobra, Ven a Bens, Mougás, Ser e Voltar e Trazos,o mércores 31; Los leones, Alalá  e En tránsito, o xoves 1; Los sentidos, Divino rostro  e Entrar aos vilares , o venres 2; e Hotel Splendid e La tempestad calmada, o sábado 3.
 
A programación da actual edición da Mostra, que tamén se estende ao Teatro Principal e ao propio Museo do Pobo Galego, está conformada por 16 filmes que concursan aos premios á mellor película e do público, ademais de por outros títulos fóra de competición. Introduce, así mesmo, outras actividades que abordan a historia, a etnografía e a antropoloxía cultural, como o apartado dedicado ao Festival Internacional de Documental Etnográfico de Sobrarbe Espiello, ou o titulado Ollares intencionados. Mirada e representación no cinema etnográfico, organizado por Xosé Carlos Sierra. Haberá tamén unha marcada representación feminina, coa sección Etnografía, Muller e Cinema, que poñen en marcha Beli Martínez e Xisela Franco.
 
As entradas para a oferta da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico son de balde para todas as proxeccións e espazos, previa  retirada das localidades nos despachos de billetes do Salón Teatro e do Teatro Principal.

Despois da XII MICE, a programación do Salón Teatro continuará do 8 ao 10 de xuño coa montaxe ‘Salvador’, de Borja Fernández, un proxecto escénico sobre os movementos migratorios que contou co apoio da compañía teatral Chévere e do CDG a través do seu programa de residencias.

-Máis información