Espiño e Alejandro Vargas Trío protagonizan os discos e a xira 'Galicia Creativa' da SGAE co apoio da Agadic

  Ofrecen unha serie de concertos na Coruña, Pontevedra, Santiago, Vigo e Lugo como gañadores da segunda edición deste certame para a promoción de artistas emerxentes

  Hoxe presentáronse tamén os traballos discográficos gravados por estas bandas como parte do premio

Espiño e Alejandro Vargas Trío protagonizan os discos e a xira 'Galicia Creativa' da SGAE co apoio da Agadic
[01/06/2017]
Espiño e Alejandro Vargas Trío son os gañadores do certame SGAE Galicia Creativa, como resultado do que acaban de gravar cadanseu traballo discográfico e son protagonistas duns concertos na Coruña, Pontevedra, Santiago, Vigo e Lugo. Agadic colabora de novo con esta iniciativa da Fundación SGAE en Galicia para proxectos emerxentes.

Ambos os discos e a carteleira de actuacións foron presentados hoxe en Santiago polo presidente do Consello Territorial da SGAE, Juan Rivas; o director da SGAE Zona Noroeste, Juan Carlos Fernández Fasero, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, ademais de polos artistas gañadores: Alfonso Espiño, na categoría de pop-rock, e Alejandro Vargas, na de jazz.
 
Durante a presentación, o director da Agadic destacou as especiais características deste concurso, a través do que se busca contribuír a que os artistas gañadores logren facerse un oco no mercado actual. Segundo Jacobo Sutil, agora contan cun medio ideal para conseguir este obxectivo: “Estas gravacións discográficas que hoxe ven a luz son a súa mellor tarxeta de presentación: os sete temas de I, o disco de Espiño, e os nove de Diablito baila, o título escollido por Alejandro Vargas, rexistrados a partir dos masters orixinais, dos que eles son agora os únicos titulares e poden facer valer diante de distribuidoras, discográficas, festivais e programacións musicais galegas e de fóra de Galicia”, explicou.
 
Seis concertos
Esta oportunidade de promoción refórzase coa nova xira Galicia Creativa, que abriu o pasado día 19 na Coruña Espiño, quen actuará tamén en Pontevedra este domingo 4 de xuño, ás 12,00 h., como parte do concerto co que se pecha o programa das Matinés do Principal. Ademais, o músico compostelán, integrante de bandas como Los Chavales e Mega Purple Sex Toy Kit, presentará o seu novo proxecto de psicodelia pop no mes de agosto dentro do festival Feito a Man de Santiago.
 
Pola súa banda, o trío de Alejandro Vargas, pianista cubano radicado en Galicia desde 2009, tocará o 30 de xuño na sala Germán Coppini da sede da Fundación SGAE en Compostela, o 6 de xullo no Festival Imaxinasons de Vigo e en novembro no Festival de Jazz de Lugo.
 
Ambos os artistas pasan a integrar o palmarés deste certame, que na súa primeira edición premiou os artistas Juan Ramos (en rock), Cibrán Seixo (en tradicional-folk) e Álvaro Buxeiro (en jazz), das formacións Prímula, Ramos e Buxeiro Trío, respectivamente.