Borja Fernández achega ao Salón Teatro a súa visión da emigración co espectáculo 'Salvador'

  A peza, estreada a pasada semana en Vigo, contou para a súa creación co apoio do Grupo Chévere e cunha serie de residencias realizadas en Galicia e Brasil, entre elas a deselvolvida no Centro Dramático Galego a finais de 2016

  A obra, que se atopa a medio camiño entre o documental e a ficción teatral, representarase en Compostela do xoves 8 ao sábado 10 ás 21,00 horas

Borja Fernández achega ao Salón Teatro a súa visión da emigración co espectáculo 'Salvador'
[06/06/2017]
O creador escénico e actor pontevedrés Borja Fernández instalarase esta semana na sede do Centro Dramático Galego (CDG) no Salón Teatro de Santiago de Compostela para levar a cabo tres funcións de Salvador, espectáculo no que achega a súa visión da emigración a través dun labor de creación persoal e de investigación.

A peza, que será representada desde o xoves 8 ata o sábado 10 de xuño, ás 21,00 h.,  volve deste xeito a un dos escenarios nos que se deseñou, xa que nese mesmo espazo desenvolveu unha residencia en decembro de 2016.
 
Salvador está centrada na figura dos avós galegos emigrados a mediados do século pasado cara a América e no grande impacto que tivo este tipo de migracións na actual configuración das familias e das comunidades, así como dos propios individuos. Para a posta en marcha do proxecto, Fernández levou a cabo un proceso de investigación de dous anos sobre a emigración a Brasil, centrada na misteriosa figura de Benito Fernandes Meirinho.
 
Música en directo e novas tecnoloxías
A partir desa pescuda, co apoio do grupo de Chévere e do colectivo A Berberecheira, e despois das residencias desenvolvidas, ademais de no CDG, nos espazos Luna Lunera e La Movida, en Belo Horizonte (Brasil), o resultado escénico acadado atópase a medio camiño entre o documental e a ficción teatral, combinando música en directo, movemento, texto e novas tecnoloxías.
 
Para isto contou coa colaboración de Diego Anido na asistencia de dirección e na dramaturxia, de Manolo Cortés na escrita, de Laura Iturralde nos efectos audiovisuais e na iluminación, e de Uxía Vaello no vestiario.
 
Salvador, que foi estreada a pasada semana no Teatro Ensalle de Vigo, terá no Salón Teatro a súa segunda parada diante do público. As entradas para as representacións en Santiago teñen un prezo de 10 euros, cos descontos habituais do 40% para determinados colectivos sociais e profesionais. A venda anticipada está xa operativa no web entradas.abanca.com e no despacho de billetes do Salón Teatro, os días das funcións desde as 19,00 horas.
 
Tralas representacións de Salvador, o Salón Teatro será a sede principal de Galicia Escena PRO, o mercado de artes escénicas que cada ano organiza a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e que celebrará a súa quinta edición do 12 ao 15 de xuño.

-Web de Borja Fernández