Galicia Escena PRO congrega 160 profesionais arredor dun programa de espectáculos aberto tamén ao público

  O conselleiro de Cultura e Educación presentou a quinta edición do mercado, organizado pola Agadic, que terá lugar do 12 ao 15 de xuño en catro espazos de Santiago

  Exhíbense 17 producións galegas e dúas de Castela e León, para as que a entrada é libre en función da capacidade dispoñible tras o acceso dos acreditados

  Na sesión de presentacións en formato ‘pitching’, outras 10 compañías ofreceranlles aos programadores asistentes un avance dos seus próximos proxectos

 Galicia Escena PRO congrega 160 profesionais arredor dun programa de espectáculos aberto tamén ao público
[08/06/2017]
Máis de 160 profesionais do sector escénico galego e do resto da Península daranse cita en Santiago para participar na quinta edición de Galicia Escena PRO, que desenvolverá do 12 ao 15 de xuño un programa aberto tamén ao público. Catro espazos da cidade (Auditorio Abanca, Fundación SGAE, Salón Teatro e Teatro Principal) repiten como sedes do evento.

O conxunto de actividades do mercado galego das artes escénicas, que organiza a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), foi presentado hoxe polo conselleiro Román Rodríguez, quen estivo acompañado por Jacobo Sutil, director da Agadic; Belén Pichel, presidenta da asociación Escena Galega; e Manuel Freire, programador cultural do Auditorio Municipal de Ourense e integrante da comisión encargada da selección artística de 2017.
 
Román Rodríguez subliñou que Galicia Escena PRO é un evento pensado especificamente para a dinamización do sector escénico galego, de xeito que –como explicou– “permite o encontro entre a máis recente produción de espectáculos galegos e os programadores culturais, os primeiros e fundamentais mediadores entre os espectadores e as carteleiras, tanto dos escenarios locais como dos distintos festivais”.
 
Neste sentido, atópanse entre os acreditados axentes culturais chegados de toda Galicia, pero tamén doutros puntos de España e Portugal, como os representantes da Red Española de Teatros, Auditorios, Circuitos y Festivales de Titularidad Pública, da Feria de Teatro de Castilla y León - Ciudad Rodrigo, do Centro Niemeyer de Avilés, da rede vasca de teatros Sarea, do Centro de Artes Escénicas y Música da Junta de Extremadura, do festival portugués contraDANÇA, do Institut de la Llengua i la Cultura de les Illes Balears (Illenc) ou da Agencia Andaluza de Instituciones Culturales.
 
Intercambio con Castela e León
O conselleiro destacou que o eixe central do encontro continúa a ser o programa de 19 espectáculos en exhibición, dirixido tamén ao público xeral. Este ano serán 17 as producións galegas que poderán verse no mercado, programándose así tres propostas máis que o ano pasado, que pasan a ocupar o espazo e horarios reservados en anteriores edicións ás presentacións en formato reducido ou showcases.
 
Galicia Escena PRO amosará, ademais, dúas montaxes de Castela e León, coas que se lle dá continuidade á liña de diálogo con outras comunidades autónomas aberta en 2016 co País Vasco. Desta volta e grazas á colaboración da Feria de Teatro de Castilla y León - Ciudad Rodrigo, viaxarán a Galicia as compañías Nau D’Amores, coa proposta de teatro contemporáneo Penal de Ocaña, e Cirk About It, coa montaxe de novo circo El apartamento. Así mesmo, Román Rodríguez adiantou que, froito deste acordo, dúas compañías galegas formarán parte do cartel da próxima edición da feira castelá.
 
Variedade da produción galega
A selección desta quinta edición volve incidir na variedade de manifestacións artísticas, xéneros e tipos de públicos aos que se dirixe a actual produción escénica galega. Atópanse nesta escolma seis propostas específicas para público infantil e familiar: as montaxes teatrais A nena que quería navegar, de Redrum Teatro; Pum, pum!, de Baobab Teatro; Redondo, de Caramuxo Teatro, e Rubicundo, de Taetro Ghazafelhos, ademais da de danza Emoticores, de Las Tricotouses, e a de novo circo O faiado, de Teatro ó Cubo.
 
No que respecta ao público adulto, a carteleira dá conta dos últimos traballos de emblemáticas compañías teatrais, como Eme2 Producións con A noiva de Don Quixote, Teatro do Noroeste con Estado de graza. Epifanía da mala filla, Teatro do Atlántico con Helena: xuízo a unha lurpia, Sarabela Teatro con Normas para saber vivir na sociedade actual, e Talía Teatro con Ubú Rei, ademais de amosar as moi diferentes propostas que chegan da man de compañías de traxectoria máis recente, pero xa moi destacada, como IlMaquinario Teatro con Resaca ou Elefante Elegante con Tropical. Tamén hai lugar para formacións de nova creación (Os Náufragos Teatro con Castrapo, o seu espectáculo de debut), así como para a maxia (Mago Teto con Íntimo, a viaxe da miña vida), o novo circo (Pistacatro Produtora de Soños con Outono) e a danza (Ánxela Blanco con Ulises e a nena durmida, segunda travesía). 
 
Acceso gratuíto
Como en anos anteriores, as representacións dos 19 espectáculos en cartel serán de acceso gratuíto para o público non profesional, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras do espazo correspondente.
 
O resto da programación de Galicia Escena PRO diríxese exclusivamente aos profesionais acreditados, entre os que se atopan programadores teatros, auditorios, salas e mostras escénicas, así como representantes de empresas produtoras e distribuidoras.
 
Nesta oferta de actividades previa inscrición inclúese, por terceiro ano consecutivo, unha xornada de presentacións en formato 'pitching', fórmula pola que se opta para que outras 10 compañías lles adianten aos axentes culturais acreditados un avance dos proxectos nos que están comezando a traballar cara á vindeira temporada. Os títulos elixidos para esta edición son Aguratrat!, de Pérez&Fernández; Burlesque Night Show, de Compañía Nelson Quinteiro; Casa O’Rei. Traxicomedia gastronómica, de Ibuprofeno Teatro; Chola, a it girl, de ArtesaCía; Cranios privilexiados... ou a crítica da razón perralleira, de Producións Teatráis Excéntricas; Elisa e Marcela, de A Panadaría; Este es de aire el otro de agua, de Kokoharuka; Nacidas libres, de Contraproducións; Os golfiños e o xigante; de Fantoches Baj, e Réquiem para un monicreque, de Os Monicreques de Kukas.
 
Tamén se mantén nesta cuarta edición de Galicia Escena PRO a oferta de actividades paralelas, entre as que se atopan varios encontros e presentacións profesionais, así como a habitual proposta musical. Esta última correrá a cargo do cuarteto Píscore co seu espectáculo cómico Concerto singular (e plural), que terá lugar na media noite do martes 13 na Casa das Crechas.

-Galicia Escena PRO