O CDG participa no festival Tercera Setmana de Valencia con 'Martes de Carnaval' e un taller con Fefa Noia

  A compañía pública escenificará os esperpentos de Valle-Inclán ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’ mañá no Teatre Principal da capital valenciana, onde se representarán en galego con sobretítulos

  A directora do Centro Dramático Galego foi convidada a impartir un taller práctico xunto a Carles Alfaro e Víctor Velasco, no que se están a abordar as sinerxías entre as tarefas de escenografía e dirección escénica

 O CDG participa no festival Tercera Setmana de Valencia con 'Martes de Carnaval' e un taller con Fefa Noia
[10/06/2017]
O Centro Dramático Galego viaxa esta fin de semana ata Valencia, onde mañá domingo escenifica Martes de Carnaval, de Valle-Inclán, dentro do festival internacional Tercera Setmana. A compañía pública tamén está representada neste evento pola súa directora, Fefa Noia, quen foi convidada a impartir un taller de escenografía e dirección.

O espectáculo que dirixiu Marta Pazos para o CDG leva ás táboas, por primeira vez en galego, as obras As galas do difunto e A filla do capitán, tras o paso ao dominio público do legado do gran autor arousán.No Teatre Principal da capital valenciana, Valle escoitarase tamén no noso idioma, con sobretítulos en español.
 
Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, Machi Salgado, María Roja e Sergio Zearreta danlle vida aos máis de 30 personaxes que suman os dous textos de Martes de Carnaval, a través dos que o Centro Dramático Galego dá conta davixencia temática e simbólica dos esperpentos de Valle-Inclán, así como a súa valentía e risco á hora de criticar con sátira e retranca as miserias da sociedade.
 
A partir de dúas aproximacións estéticas diferentes, a montaxe de Marta Pazos desenvolve unha posta en escena limpa e consecuente co universo creado polo autor galego, poñendo a poética e o traballo de todo o equipo artístico e técnico ao servizo do diálogo cunha gran icona da literatura universal.
 
Taller co CDN
Tamén se atopa en Valencia Fefa Noia, quen foi convidada polo Festival Tercera Setmana para impartir xunto aos directores Carles Alfaro e Víctor Velasco o taller práctico de escenografía que organiza en colaboración co Centro Dramático Nacional (CDN) e a Fundación SGAE Valencia. Dirixido aos escenógrafos do Laboratorio Rivas Cherif do CDN, o obxectivo é abordar a necesaria retroalimentación que debe existir entre os ámbitos da escenografía e da dirección á hora de abordar calquera posta en escena.
 
Con tal fin, estase a analizar o texto Orfeo y el desodorante, o el último viaje a los infiernos, do dramaturgo de orixe valenciana José Ricardo Morales, recentemente falecido, baixo a perspectiva dos tres directores convidados. A partir destas visións diferentes, cada participante xerou tres proxectos escenográficos ad hoc para a súa valoración por parte de Noia, Alfaro e Velasco.
 
Ao seu regreso de Valencia, o Centro Dramático Galego entrará na recta final da xira de Martes de Carnaval, que representará o día 15 en Pontevedra e o 22 en Vigo, para ofrecer a continuación unha segunda quenda de funcións en Santiago de Compostela do 28 de xuño ao 16 de xullo.

-Dossier do espectáculo
-Máis información e galería de imaxes
-Vídeo