O mercado Galicia Escena PRO abre mañá as portas da súa quinta edición con teatro e maxia

  Na primeira xornada do encontro, que se desenvolverá ata o xoves en Santiago, actuarán Caramuxo Teatro, Mago Teto, Nao D’Amores, Teatro do Noroeste e Elefante Elegante

  O acceso do público a estas representacións é gratuíto, ata completar a capacidade das salas e previa retirada das entradas no despacho de billetes correspondente desde unha hora antes do comezo da función

  A Agadic organiza este evento, que reúne máis de 160 profesionais das artes escénicas co obxectivo de impulsar a contratación dos espectáculos galegos

O mercado Galicia Escena PRO abre mañá as portas da súa quinta edición con teatro e maxia
[11/06/2017]
A quinta edición de Galicia Escena PRO, o mercado de artes escénicas que organiza a Axencia Galega de Industrias Culturais (Agadic), dá comezo mañá en Santiago coa participación de máis de 160 profesionais de Galicia e do resto da Península Ibérica. O eixo central do evento é o seu programa de exhibición de 19 espectáculos.


Dentro del, os inscritos e o público xeral terán a posibilidade de ver propostas de teatro e de maxia para todos os públicos nunha primeira xornada que se estenderá desde a mañá ata a media noite.

A programación arrancará ás 11,30 h. na Sala 2 da Fundación SGAE co espectáculo Redondo, a cargo da compañía Caramuxo Teatro. A peza, que ten unha duración duns 30 minutos, está deseñada especialmente para nenos e nenas de 1 a 4 anos, e é unha proposta visual para gozar en familia da fascinación do seu protagonista, Mr. Round, polos obxectos redondos.
 
De seguido, ás 12,15 horas, terá lugar na Sala Germán Coppini, tamén na Fundación SGAE, o pase de Íntimo. A viaxe da miña vida, do Mago Teto, tras o que a xornada de mañá se pechará cun encontro informal entre os inscritos no mercado, que terá lugar ás 14,30 h. na mesma sala.
 
Programa de tarde
Xa pola tarde, a actividade comezará no Auditorio Abanca ás 17,30 horas. Neste espazo, Nao D’Amores –unha das dúas compañías castelás que se presentarán en Compostela grazas ao intercambio entre Galicia Escena PRO e a Feria de Teatro de Castilla y León-Ciudad Rodrigo– representará a montaxe contemporánea Penal de Ocaña. Dirixida por Ana Zamora, trátase dunha creación ambientada na Guerra Civil a partir do diario da estudante María Josefa Canellada.
 
A continuación, será a quenda de Estado de graza. Epifanía da mala filla, de Teatro do Noroeste, que se representará ás 19,30 h. no Teatro Principal. Eduardo Alonso é o autor e director deste espectáculo, interpretado por Luma Gómez, Imma António, Manuela Varela e Nini True, arredor da dura relación entre unha filla que pretende a liberdade e unha nai que está dominada por profundas crenzas relixiosas.
 
Esta primeira xornada de Galicia Escena PRO rematará no Salón Teatro, ás 22,30 h., con Tropical, da compañía Elefante Elegante. O espectáculo de Gonçalo Guerreiro e María Torres regresa á sede do CDG, onde desenvolveu tamén unha residencia, para achegarlle aos programadores e ao público unha proposta sensitiva e evocadora sobre as viaxes cunha linguaxe centrada na imaxe, no movemento, na música e na danza.
 
Entrada de balde
O público xeral tamén ten a posibilidade de asistir de xeito gratuíto aos 19 espectáculos programados en Galicia Escena PRO, en función da capacidade dispoñible en cada sala tras o acceso dos profesionais acreditados. As entradas poderán retirarse na billeteira do espazo correspondente desde unha hora antes do inicio da representación.

-Galicia Escena PRO