Oliver Laxe explícalles o seiu proceso creativo aos 50 alumnos inscritos no curso do CGAI

  'Aromas de Mimosas', que comeza mañá na sede coruñesa da filmoteca galega, repasa a influencia dalgúns dos referentes cinematográficos na obra do cineasta galego gañador da Semaine de la Critique de Cannes

  O autor programa, ademais, varios destes títulos, todos eles de grandes mestres do cine moderno como Andrei Tarkovski, Roberto Rosselini ou Monte Hellman

Oliver Laxe explícalles o seiu proceso creativo aos 50 alumnos inscritos no curso do CGAI
[12/06/2017]
O Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI-Filmoteca de Galicia) acolle esta semana na Coruña, a partir de mañá e ata o día 16, o curso 'Aromas de Mimosas', impartido por Oliver Laxe e no que participarán un total de 50 alumnos e alumnas que se poderán achegar deste xeito ao proceso creativo do premiado cineasta galego.
 

O autor, un dos máximos representantes do Novo Cinema Galego, foi quen de conseguir ser seleccionado e premiado no prestixioso festival de Cannes coas súas dúas primeiras longametraxes. A última destas, Mimosas, gañou o pasado ano a Semaine de la Critique no certame galo. Herdeiro dunha longa tradición do cine moderno, Laxe ofrece estes días un obradoiro na filmoteca galega, no que analiza polo miúdo precisamente cales son as influencias que máis o acompañaron durante o proceso creativo da película.
 
Cada tarde reflexionará sobre as pegadas deixadas por cada unha das películas que seleccionou nun programa de catro títulos fundamentais na súa percepción do cine. Así, entre mañá martes 13 e ata o venres 16 de xuño, contará pormenorizadamente como se deixan sentir en Mimosas as fitas Francisco, juglar de Dios, Andrei Rublev, La isla desnuda e Carretera asfaltada en dos direcciones.
 
Restauracións de grandes clásicos
A selección de Laxe permítelles aos espectadores coñecer ou revisar importantes películas do cine moderno. O CGAI puxo esmero en atopar as mellores copias en centros de referencia internacional como a Cineteca Nazionale de Roma. Todos elas chegan en formatos orixinais en celuloide perfectamente preservadas ou son recentes restauracións dixitais en alta resolución. Así, achegarse á filmoteca estes días supón gozar destes filmes nas mellores condicións técnicas posibles. Os pases son abertos ao público, ás 20,30 horas, a excepción deAndrei Rublev o mércores, que se programa ás 19,30 h. Adicionalmente, o sábado 17 de xuño ás 18,00 horas, Laxe presentará Mimosas como peche do programa.

O curso, que terá lugar cada tarde antes das sesións, cubriu as 50 prazas ofertadas. Os alumnos son en boa parte estudantes ou traballadores do sector, mais tamén cinéfilos sen vencello profesional co cine.

[Na imaxe, Oliver Laxe durante a filmación de 'Mimosas']

-Web do CGAI