Danza, teatro e música centran a segunda xornada de actividade de Galicia Escena PRO

  O programa de mañá inclúe os últimos espectáculos de Teatro Ghazafelhos, Las Tricotouses, Eme2 Producións, Sarabela Teatro e Ánxela Blanco, ademais dun concerto especial de Píscore

  O Salón Teatro acollerá a presentación Chivatos, plataforma en liña da Federación Estatal de Asociaciones de Empresas de Teatro y Danza que ofrece un mapa estatístico da actividade profesional nas artes escénicas e musicais en España

  A Agadic organiza a quinta edición do mercado galego de artes escénicas, no que están a participar 160 profesionais de toda Galicia e do resto da Península

Danza, teatro e música centran a segunda xornada de actividade de Galicia Escena PRO
[12/06/2017]
O mercado galego das artes escénicas Galicia Escena PRO, que arrancou hoxe en Santiago de Compostela baixo a organización da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), ten preparada para mañá unha intensa xornada de actividade que se estenderá ata pasada a media noite con danza, teatro e música.

Máis de 160 profesionais de toda Galicia e do resto da Península Ibérica están a participar neste encontro, que ten como obxectivo de impulsar a contratación de espectáculos galegos por parte dos teatros, auditorios, salas, circuítos, festivais e mostras escénicas inscritos.
 
A segunda das catro xornadas de Galicia Escena PRO dará comezo ás 11,00 horas coa representación de Rubicundo, a cargo da compañía Ghazafelhos, na Fundación SGAE. Trátase dunha proposta pensada para nenos e nenas a partir de cinco anos e dirixida por Pepablo Patinho, quen é tamén parte do elenco xunto con Montse Piñón e Jorge Casas.
 
A seguinte cita do martes será co espectáculo de danza Emoticores, que a compañía Las Tricotouses (Cristina Montero e Rut Balbís) porá en escena no Salón Teatro ás 13,00 horas. Neste mesmo espazo, terá lugar ás 14,15 horas o segundo dos encontros informais entre os asistentes ao mercado.
 
Presentacións profesionais
A actividade retomarase ás 16,30 h., tamén no Salón Teatro, que acollerá a presentación profesional de Chivatos, plataforma en liña da Federación Estatal de Asociaciones de Empresas de Teatro y Danza (Faeteda), na que se recollen os principais datos para elaborar un mapa estatístico sobre a evolución da actividade profesional nas artes escénicas e musicais en España.
 
A continuación, será a quenda de Eme2 Emoción&Arte con A noiva de Don Quixote, que Mercedes Castro intepretará ás 17,30 h. no Auditorio Abanca. José Carlos García dirixe esta proposta a partir do texto de José Luis Esteban sobre o destino de Dulcinea tras a morte de Don Quixote.
 
Ás 19,30 horas a programación trasladarase ao Teatro Principal da man da compañía Sarabela Teatro, que presentará o seu espectáculo Normas para saber vivir na sociedade actual, a partir da obra do autor francés Jean Luc Lagarce. Ánxeles Cuña Bóveda é a directora desta montaxe, para a que contou con Fina Calleja, Sabela Gago, Fernando Dacosta, Elena Seijo e Vadzim Yukhnevich no elenco.
 
A segunda proposta de danza da xornada chegará da man de Ánxela Blanco e a súa creación Ulises e a nena durmida (na imaxe), unha sinfonía de corpos, voces e imaxes inspirada na traxedia grega do rei de Ítaca, que poderá verse ás 22,30 horas no Salón Teatro.
 
Concerto
Ademais, e dentro das actividades paralelas do mercado, a Casa das Crechas acollerá na media noite unha actuación especial do grupo Píscore que, co humor como base, ofrecerá o seu Concerto singular (e plural) para todos os acreditados en Galicia Escena PRO.
 
Como en anos anteriores, as representacións dos 19 espectáculos en cartel serán de acceso gratuíto para o público non profesional, en función da capacidade dispoñible en cada caso e previa retirada das entradas nas billeteiras do espazo correspondente.

-Galicia Escena PRO