O Centro Dramático Galego pecha este xoves en Vigo a xira do espectáculo 'Martes de Carnaval'

  O Teatro Afundación acolle ás 20,30 h. a montaxe coa que a compañía pública leva a escena, por vez primeira en galego, os esperpentos de Valle-Inclán ‘As galas do defunto’ e ‘A filla do capitán’

  Tras concluír o seu percorrido por oito escenarios de Galicia e Valencia, a produción regresará á sede do CDG en Santiago para ofrecer o seu último período de exhibición do 28 de xuño ao 16 de xullo

O Centro Dramático Galego pecha este xoves en Vigo a xira do espectáculo 'Martes de Carnaval'
[20/06/2017]
O CDG representará este xoves en Vigo Martes de Carnaval, de Valle-Inclán, que conclúe a súa xira por oito escenarios de Galicia e Valencia antes de regresar a Santiago para un último período de exhibición. O público poderá ver este espectáculo, integrado polas versións en galego de As galas do defunto e A filla do capitán, ás 20,30 h. no Teatro Afundación.

A directora do CDG, Fefa Noia; a coordinadora adxunta da Área de Cultura de Afundación, Paloma Vela; e a actriz María Roja presentaron hoxe a función deste xoves, para a que as entradas xa están á venda en www.ataquilla.com, no teléfono 902 504 500 e nos despachos de billetes das sedes de Afundación en Vigo, Ourense, Santiago e A Coruña, así como na Central de Espectáculos de Vigo.

A creadora pontevedresa Marta Pazos encargouse da dirección artística das dúas pezas de Martes de Carnaval que, a partir de estéticas e ambientacións diferentes, dan conta da vixencia e da valentía da obra do gran autor arousán. Tras a liberación dos dereitos sobre a súa obra, este ano Valle-Inclán incorporouse por vez primeira ao repertorio teatral en galego.

Máis de 30 personaxes
Pazos conta para levalas a escena con dez actrices e actores, que desenvolven un moi esixente traballo interpretativo e físico: ademais de María Roja, Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, Machi Salgado e Sergio Zearreta. O elenco dálle vida aos máis de 30 personaxes que suman As galas do defunto e A filla do capitán, nunha montaxe frenética tanto en escena como entre bambolinas.

O primeiro destes esperpentos, As galas do defunto, está ambientado na época na que discorre a historia da Daifa e Juanito Ventoleira, situada nunha cidade portuaria galega en 1898, en plena resaca da guerra de Cuba. Pola súa banda, A filla do capitán traslada ao “Madrid moderno” a trama que Valle construíu a partir de dous acontecementos reais do seu tempo: o pronunciamento de Primo de Rivera en 1923 e o crime do Capitán Sánchez, famoso na prensa sensacionalista de 1913.

Diálogo cunha icona
A montaxe de Marta Pazos desenvolve unha posta en escena limpa e consecuente co universo creado polo autor arousán, poñendo o traballo de todo o equipo ao servizo do diálogo con esta icona da literatura universal.

Xunto co persoal técnico do CDG, implicouse neste proxecto un destacado cadro artístico con profesionais que veñen desenvolvendo as súas traxectorias teatrais en compañías de toda a península: Rut Balbís (movemento), Fernando Ribeiro (escenografía), Uxía Vaello (vestiario), José Álvaro Correia (iluminación), Hugo Torres (música e asesoría de dramaturxia), Esther Quintas Salgado (caracterización), Manuel Cortés (tradución), Rosa Moledo (asesoría lingüística), Ernesto Arias (traballo de palabra), Gena Baamonde (asistencia de dirección), José Faro “Coti” (asistencia de escenografía e iluminación), María Villas (asistencia de vestiario) e José Díaz (música e asistencia de produción).

Martes de Carnaval, que se estrou o pasado 20 de abril na sede do Centro Dramático Galego en Santiago, finaliza en Vigo un periplo durante o que tamén se representou en Tui, O Barco, Ourense, A Coruña, Rianxo, o festival Tercera Setmana de Valencia e Pontevedra. O espectáculo regresará a Compostela para unha última quenda de exhibición no Salón Teatro do 28 de xuño ao 16 de xullo.

-Máis información sobre Martes de Carnaval