O CDG continuará afondando na obra de Valle-Inclán coa produción de 'Divinas palabras'

  O espectáculo será un dos eixos centrais da temporada 2017-2018 da compañía pública, que será presentada á volta do verán

  Ademais da súa representación en Galicia, o CDG levará este gran clásico da literatura dramática ao Teatro Español de Madrid, cunha decena de funcións en maio

  A Consellería de Cultura e Educación aposta por seguir incorporando ao repertorio teatral en galego os textos do gran autor arousán, do que nestes momentos se representa ‘Martes de Carnaval’

O CDG continuará afondando na obra de Valle-Inclán coa produción de 'Divinas palabras'
[22/06/2017]
O CDG continuará afondando na obra de Valle-Inclán na súa próxima temporada, durante a que producirá Divinas palabra. Tanto os detalles do novo espectáculo como do resto da programación que a compañía pública desenvolverá no período 2017-2018 daranse a coñecer na presentación pública que terá lugar á volta do verán.

Esta será a primeira versión en galego de Divinas palabras, coa que a Consellería de Cultura e Educación aposta por seguir incorporando os textos de Ramón María del Valle-Inclán ao repertorio teatral no noso idioma unha vez liberados os dereitos sobre a súa obra. Este título sumarase, pois, aos das dúas pezas que conforman o espectáculo Martes de Carnaval (As galas do defunto -na imaxe- e A filla do capitán), que o Centro Dramático Galego representa hoxe mesmo en Vigo e que rematará o seu período de exhibición do 28 de xuño ao 16 de xullo no Salón Teatro de Santiago.
 
Ademais de en Galicia, a aproximación do CDG a este clásico da literatura dramática poderá verse tamén no Teatro Español de Madrid, que mañá presenta a súa nova temporada e onde está prevista unha estadía de 10 días no mes de maio. Deste xeito, darase continuidade tamén á liña de traballo que está a desenvolver a compañía da Xunta co obxectivo de tender pontes entre o teatro que se está a facer en Galicia e a escena doutros territorios do resto de España e Portugal.
 
Do mesmo xeito que en Martes de Carnaval, o novo proxecto do Centro Dramático Galego rastrexará a vixencia das palabras de Valle, sempre na procura dun imaxinario contemporáneo. Ademais, coa posta en escena de [em]Divinas palabras[/em] en galego saldarase unha débeda coa primeira directiva da compañía institucional que, no momento da súa fundación hai 33 anos, non puido levar a cabo este proxecto ao non dispoñer dos dereitos para a tradución da obra.