Arxentina e os anuncios de coproducións internacionais protagonizan a segunda xornada de Conecta Fiction

  A española Boomerang TV e a arxentina Underground Producciones filmarán ‘El extranjero’, presentada hoxe en primicia no encontro que se está a desenvolver na Cidade da Cultura

  Esta noite danse a coñecer os proxectos gañadores dos premios de Movistar+ e RTVE, consistentes en cadanseu contrato de desenvolvemento de series televisivas

Arxentina e os anuncios de coproducións internacionais protagonizan a segunda xornada de Conecta Fiction
[22/06/2017]
Conecta FICTION, o primeiro evento internacional dedicado á coprodución de series televisivas entre Europa, Latinoamérica e Estados Unidos de fala hispana, está a desenvolver hoxe a súa segunda xornada de actividade, centrada en Arxentina como país convidado e no anuncio de varios proxectos de coprodución internacional.

A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), o ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE organizan este evento, baixo a produción de Inside Content, no participan desde o pasado martes e ata mañá venres máis de 350 profesionais do sector televisivo de 20 países.
 
Hoxe o Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales (INCAA) do país fixo balance do estado da súa industria, cunha crecente presenza no eido latinoamericano. Á xornada de mañá, composta de diferentes mesas e paneis, asistiron o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o presidente do Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales (INCAA) de Arxentina, Ralph Haiek, e o seu homólogo español do Instituto de la Cinematografía y de las Artes Audiovisuales (ICAA), Óscar Graefenhein. Todos eles estiveron de acordo en salientar os importantes lazos que unen Arxentina e España no audiovisual e chamaron conxuntamente a fortalecer estes vínculos no eido das series de televisión.
 
En primicia
Esta colaboración é a que fai posible a serie El extranjero, anunciada hoxe en primicia. Trátase dunha nova coprodución entre a española Boomerang TV (produtora deTop Chef ou El tiempo entre costuras) coa arxentina Underground Producciones. A serie conta a historia dun famoso tenista español que se converterá en principal sospeitoso do asasinato dunha moza arxentina de familia influínte. Rodarase en Bos Aires con coñecidos actores arxentinos e españois.
 
Un dos paneis principais desta xornada, centrado na creatividade e expansión mundial das ficcións arxentinas, contou coa participación de oito produtoras que están a desenvolver os proxectos máis populares. Entre elas, StoryLab e Kapow presentaron Estocolmo, primeira serie realizada para a plataforma Netflix nese país, que cunha historia policial nos baixos fondos de Bos Aires está a cativar o público arxentino.
 
A galega Portocabo como modelo
Hoxe preséntanse tamén dous casos de estudo de coproducións recentes. Unha delas é a galega Hierro, abandeirada de Portocabo e ideada xunto coa francesa Atlantique Productions e Arte. Trátase dun thriller policial situado na illa canaria de Hierro, onde  unha erupción volcánica descubre un cadáver.
 
Outra serie presentada hoxe é Paraíso, da española Mediapro acompañada da finesa Creativa Content Yleisradio, e primeira coprodución televisiva entre ambos países. Seguindo a estela dos éxitos internacionais do xénero negro escandinavo, Paraíso desenvolverá unnordic noir ambientado na Costa del Sol, onde varios membros da comunidade finesa acaban por verse envoltos nunha serie de crimes.
 
Un dos puntos fortes da xornada é a presentación do catálogo de HBO Latin America polo seu vicepresidente de producións orixinais, Roberto Ríos. A división dobrou en 2016 o número de producións realizadas en español, con nove temporadas filmadas en total e unha expansión a países como Colombia ou Arxentina. A empresa continúa esta senda, coa recente implantación da canle en España e a procura de novos socios para as súas producións en países de fala hispana.
 
Caixa de Ficción
O principal obxectivo de Conecta FICTION é precisamente fomentar a coprodución entre os máis de 350 participantes, aumentando o seu volume de negocio e capacidade de financiamento. Para iso, o evento conta co espazo Caixa de Ficción, un lugar de reunión onde os produtores poden presentar os seus proxectos ás televisións, ou as canles procurar produtos específicos para encher as súas grellas. Cada empresa conta cun perfil que se sube á web www.conectafiction.com, accesible a todos os participantes, que poden decidir se concertar unha cita previa coa información da que alí dispoñen. Este sistema de match-making está a lograr que se produzan centos de reunións diarias na feira.
 
Pon o broche ás actividades de hoxe a proxección en primicia da serie arxentina La fragilidad de los cuerpos, esta noite no Salón Teatro ás 20,00 h. Neste acto daranse a coñecer os dous gañadores dos premios de RTVE e Movistar+, consistentes en cadanseu contrato de desenvolvemento para un dos 10 proxectos do pitching internacional e para outro dos seis do Laboratorio SGAE.

Na imaxe, un momento do encontro de produtoras arxentinas e francesas co Clúster Audiovisual Galego (Clag).

-Conecta FICTION