A Agadic convoca 200.000 euros en axudas ao desenvolvemento de novos proxectos audiovisuais

  Con esta liña de subvencións, que poden solicitarse ata o 17 de xullo, contribúese ao financiamento da fase de preprodución de longas cinematográficas e de produtos televisivos

  O seu orzamento experimenta un incremento do 8% respecto ao ano anterior

A Agadic convoca 200.000 euros en axudas ao desenvolvemento de novos proxectos audiovisuais
[24/06/2017]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación abriu a súa convocatoria anual de subvencións para o desenvolvemento de proxectos audiovisuais de produción galega cunha dotación de 200.000 euros, contía que supón un incremento do 8% respecto ao ano anterior.
Enmarcada no programa de axudas públicas da Xunta ao sector audiovisual galego, esta liña de apoio diríxese especificamente a favorecer a posta en marcha de novas longametraxes cinematográficas e de produtos televisivos, apoiando economicamente os traballos previos ao proceso de produción.
 
A través desta convocatoria, para a que o prazo de solicitude manterase aberto ata o 17 de xullo, a Agadic acompaña as produtoras independentes galegas desde o mesmo momento en que comezan a preprodución dos seus próximos traballos, nas seguintes modalidades: longas, series e miniseries de ficción para cinema e televisión; longas cinematográficas e series de animación; documentais para cine e televisión, e pilotos de programas televisivos de formatos innovadores e alto potencial de internacionalización.
 
Xa cara á súa posterior rodaxe, posprodución e chegada ás pantallas, estes mesmos proxectos poderán presentarse nos anos seguintes ás subvencións da Xunta para produción e coprodución audiovisual, así como a outros fondos estatais e europeos.
 
Novidades
Ademais do incremento orzamentario, a convocatoria deste ano introduce unha serie de novidades respecto á consideración dos gastos subvencionables, aproximando estes criterios aos seguidos por outras convocatorias internacionais de similares características. Así, teranse en conta gastos relativos aos dereitos e asesorías relacionadas co guión ou concepto, de persoal, da produción en desenvolvemento, gastos xurídicos e de asesoramento contable, e unha porcentaxe concreta de gastos xerais e imprevistos.
 
Outras das novidades teñen que ver coa posibilidade de que cada solicitante poida resultar beneficiario destas subvencións para un máximo de dous proxectos, así como co incremento ata o 75% do orzamento subvencionable sobre o total do proxecto.
 
A súa adxudicación resolverase mediante o procedemento de concorrencia competitiva, no que unha comisión puntuará cada unha das solicitudes de acordo co baremo detallado nas bases. Así, entre os criterios de valoración teranse en conta a calidade e orixinalidade do guión; a traxectoria da produtora, do/a director/a e do/a guionista; a viabilidade do proxecto e a súa potencial internacionalización, ademais da súa contribución ao fomento do sector audiovisual galego e da cultura e lingua galegas.
 
Dez proxectos subvencionados en 2016
En 2016, un total de 10 produtoras independentes galegas resultaron adxudicatarias destas subvencións para a preprodución de sete proxectos de longametraxes cinematográficas de ficción, animación e documentais, dúas longametraxes e miniseries de ficción para televisión e un proxecto de serie de animación.
 
As bases desta convocatoria, que poden consultarse no Diario Oficial de Galicia, especifican que para as persoas xurídicas ou as súas representantes, é obrigatoria a solicitude telemática a través da sede electrónica da Xunta de Galicia (https://sede.xunta.gal). Para o resto dos casos, debe presentarse preferiblemente por vía electrónica e, de xeito opcional, en formato físico a través dos lugares e rexistros establecidos na normativa.