A asociación Amigos da Ópera da Coruña produce e estrea 'Un ballo in maschera' co apoio da Xunta

  A Consellería de Cultura achega a través da Agadic 125.000 euros para a posta en escena desta obra de Giuseppe Verdi, coa Orquestra Sinfónica de Galicia e o Coro Gaos baixo a dirección musical de Ramón Tébar

  As representacións terán lugar no Teatro Colón da Coruña os días 1 e 3 de setembro cos solistas Gregory Kunde, Ángela Meade, Juan Jesús Rodríguez, Marianne Corneti e María Monzó nos papeis principais

A asociación Amigos da Ópera da Coruña produce e estrea 'Un ballo in maschera' co apoio da Xunta
[29/06/2017]

O Teatro Colón da cidade da Coruña acollerá os vindeiros días 1 e 3 de setembro a representación da obra mestra do compositor italiano Guiseppe Verdi Un ballo in maschera, que está a ser producida pola asociación herculina Amigos da Ópera coa Orquestra Sinfónica de Galicia e mediante o apoio prestado pola Xunta de Galicia e outras entidades.


O título escollido para esta nova produción, non representada en Galicia durante os últimos 20 anos, resposta á homenaxe que o colectivo operístico coruñés quere renderlle á ourensá Ángeles Gulín no décimo quinto aniversario do seu pasamento. Gulín, recoñecida como a máis importante soprano galega da segunda metade do século XX, percorreu teatros de todo o mundo sendo protagonista das máis aclamadas óperas, entre elas, esta peza con música de Giuseppe Verdi e libreto de Antonio Somma baseada no asasinato de Gustavo III de Suecia o 16 de marzo de 1972 nun baile de máscaras como parte dunha conspiración política.

Para a súa posta en escena, Amigos de la Ópera conta coa Orquestra Sinfónica de Galicia e o Coro Gaos, dirixidos na parte musical por Ramón Tébar e, na parte escénica, por Mario Pontiggia. Os papeles solistas serán interpretados polo tenor Gregory Kunde, a soprano Ángela Meade, o barítono Juan Jesús Rodríguez, a mezzo Marianne Corneti e a tamén soprano María Monzó.

A montaxe de Un ballo in maschera, que forma parte da Programación Lírica da Coruña, foi obxecto dun convenio de colaboración asinado entre Amigos da Ópera e a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, polo que a Xunta de Galicia achega 125.000 euros para esta actividade.

A prol do encontro do público galego coa ópera
Así o explicou hoxe na presentación do espectáculo o director da Agadic, Jacobo Sutil, nun acto no que tamén participaron o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, a vicepresidenta da Deputación Provincial, Goretti Sanmartín e a presidenta da Asociación Amigos da Ópera, Natalia Lamas.

Jacobo Sutil destacou o compromiso da Consellería de Cultura e Educación para facilitar o encontro do público galego co xénero operístico e coas grandes obras líricas do patrimonio universal a través da cooperación con Amigos da Ópera, colectivo decano en España e referente no sector pola súa prolongada e intensa historia ao longo de 61 anos de traxectoria.

“As representacións que terán lugar neste Teatro Colón os días 1 e 3 de setembro enriquecerán, sen dúbida, a tradición operística da Coruña e, por ende, de toda Galicia. Estamos certos de que atraerán, ademais, moitos espectadores de fóra da nosa Comunidade, constituíndo un reclamo turístico-cultural de primeira orde que cómpre seguir divulgando, apoiando e poñendo en valor”, asegurou.

[Na imaxe, foto da web da Deputación Provincial da Coruña]

-Web de Amigos da Ópera