A Xunta contribúe á difusión da danza actual mediante o apoio ao festival 'Corpo(a)terra' de Ourense

  A Consellería de Cultura e Educación colabora no encontro cunha achega de máis de 7.000 euros a través da convocatoria específica da Agadic

  O festival desenvólvese do 4 ao 14 de xullo na cidade das Burgas e en Allariz coa participación de compañías galegas e internacionais

  Varias prazas e espazos urbanos convértense en escenario dos espectáculos programados

A Xunta contribúe á difusión da danza actual mediante o apoio ao festival 'Corpo(a)terra' de Ourense
[03/07/2017]

O Festival de Danza e Artes do Corpo de Ourense Corpo(a)terra presentou hoxe a programación da súa sétima edición, que se desenvolverá a partir de mañá e ata o 14 de xullo na capital ourensá e en Allariz coa participación de compañías galegas, do resto de España e doutros países europeos e americanos.


O encontro conta co apoio, entre outras entidades, da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, xa que é un dos adxudicatarios das subvencións específicas para a celebración de festivais escénicos galegos.

Así o explicou hoxe na presentación do festival o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen celebrou a permanencia en Galicia deste evento por sete anos consecutivos, como un elemento moi destacado para a divulgación entre a cidadanía dos distintos estilos de danza executados hoxe en día no ámbito internacional.

Durante o acto, que contou coa execución dunha breve peza da bailarina costarriqueña Estefanía Dondí e no que tamén participaron Belén Iglesias, concelleira de Cultura de Ourense, e representantes da organización, Sutil fixo fincapé no “enorme potencial creativo e interpretativo” que posúe Galicia no eido da danza, e referiuse especialmente a compañías e artistas como Andrea Quintana, La Macana, Alba Fernández, Duelirium, Licenciada Sotelo ou Matías Daporta, presentes en Corpo(a)terra 2017, como exemplos da calidade da danza galega.

Especial protección da danza
Tamén lembrou as particulares características das compañías de danza e dos coreógrafos e coreógrafas como parte da industria cultural, circunstancia que pola que —dixo— requiren un tratamento especial desde as administracións para o seu apoio e dinamización. Neste sentido, Jacobo Sutil anunciou que na vindeira convocatoria de subvencións da Agadic á produción escénica, que se publicará en 2018, está prevista a inclusión dun novo apartado específico dirixido a protexer e garantir a montaxe de espectáculos de danza galegos.

Corpo(a)terra, organizado por trasPediante Cultura (colectivo que integran Marta Alonso, Begoña Cuquejo e Paula Quintas) é unha iniciativa que combina a exhibición dos espectáculos de danza de novas tendencias con distintas actividades de divulgación e sensibilización cara a esta disciplina escénica. De feito, moitas das actuacións lévanse a cabo en localizacións ao aire libre ou lugares arquitectonicamente destacados, desde os que as propostas programadas saen ao encontro co público. Neste punto, o director da Agadic asegurou que a experiencia de seguir os espectáculos ao vivo e tan de preto xogará a favor da procura do incremento de espectadores galegos para a danza.

A programación de Corpo(a)terra complétase este ano con distintas citas formativas, entre as que destaca a master class dos xaponeses Um Yamada, o proxecto de investigación de son Radio Frisson ou as xornadas de adestramento físico Enxebre’17.  

-Web de Corpo(a)terra 2017