A Agadic colabora co XIV CeMAC de Celanova, que aborda a suma de talentos na obra audiovisual

  O encontro, organizado pola Fundación Carlos Casares xunto á Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense e o Concello celanovés, terá lugar do Auditorio Ilduara desde mañá e ata o día 7

  O programa contará coa participación de destacados profesionais do sector en Galicia para afondar nas diferentes achegas implicadas na creación dun produto audiovisual, desde a preprodución á súa presentación ao público

 A Agadic colabora co XIV CeMAC de Celanova, que aborda a suma de talentos na obra audiovisual
[03/07/2017]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora un ano máis co Curso de Medios Audiovisuais de Celanova (CeMAC), que desenvolverá a súa décimo cuarta edición desde mañá e ata o 7 de xullo no Auditorio Ilduara da vila ourensá.

O seu programa inclúe relatorios de destacados profesionais do sector, proxeccións, unha master class de cámara e dirección de fotografía e a presentación do proxecto de curtametraxe da nova entrega do taller Celanova, plató de ficción.

Medio centenar de alumnos participarán neste encontro, configurado como un curso de verán de extensión universitaria e organizado pola Fundación Carlos Casares xunto co Concello de Celanova, a Vicerreitoría do Campus de Ourense da Universidade de Vigo, a Deputación de Ourense e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia.
 
Baixo o título A obra audiovisual. Suma de talentos, esta décimo cuarta edición centrarase en analizar as singularidades e a multidisciplinariedade da diferentes achegas profesionais que fan posible a creación dun produto audiovisual, desde a preprodución á súa presentación en público.
 
O seu programa completo foi presentado esta mañá no transcurso dun acto no que interviñeron o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o director da Agadic, Jacobo Sutil; o alcalde de Celanova, José Luis Ferro; o presidente da Fundación Casares, Xavier Casares; o director do CeMAC, Miguel Anxo Fernández, e o director de Celanova, plató de ficción, Paulino Pérez Feijoo, entre outros representantes da organización e das entidades colaboradoras.
 
Apoio ás diferentes fases dos proxectos
Na súa intervención, Jacobo Sutil incidiu en que precisamente a suma de talentos que dá título ao programa deste ano queda reflectida nas diferentes convocatorias de subvencións da Agadic para o sector audiovisual, a través das que se busca apoiar as diferentes fases polas que pasa un proxecto antes da súa chegada ás pantallas.
 
Ademais, situou esta colaboración no marco da implicación da Agadic con diferentes programas formativos tanto para estudantes como para profesionais do sector: Galicia ProFilme, Augal, Torino Film Lab e a iniciativa europea Eave, entre eles.
 
O programa do XIV Curso de Medios Audiovisuais de Celanova tomará como caso de estudo o filme Dhogs, do director Andrés Goteira, para debullar con parte do seu equipo o desenvolvemento dunha produción independente desde o guión, a produción, a dirección, o reparto, a fotografía, a iluminación, a montaxe ou a música.
 
Este proceso será abordado igualmente por Gaspar Broullón, produtor executivo e axudante de dirección do documental Esquece Monelos; pola guionista Diana López e o director e guionista Ángel de la Cruz, cos seus proxectos Un hombre en pijama e Carlos Casares. Un guión para ilustrísima; por Anxos Fazáns, como directora e guionista de A estación violenta; e por Manuel Monzón, director de produción de Acontracorriente Films. Ademais, Fernando Jover será o encargado de impartir a master class deste ano sobre cámara e dirección de fotografía.
 
Así mesmo e de acordo co seu carácter multidisciplinar, o CeMAC 2017 porá o foco no fenómeno dos youtubers, unha das modalidades audiovisuais que, como sinala o programa, “máis se achega á excepción na norma do audiovisual como obra colectiva”.
 
Carlos Casares e o cine
Nesta edición tamén haberá lugar para abordar a interesante relación co cinema de Carlos Casares, no ano en que se lle dedicou o Día das Letras Galegas.
 
Como actividades complementarias, organizarase un concerto do grupo The Riggos e presentarase o resultado do taller Celanova, plató de ficción, que este ano alcanzou a súa oitava edición. Trátase dunha experiencia dirixida aos alumnos de Comunicación Audiovisual da Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación de Pontevedra, que ten como obxectivo a presentación dunha peza audiovisual nun tempo determinado e cun orzamento pechado.