O CDG publica a tradución das pezas de Valle-Inclán 'As galas do defunto' e 'A filla do capitán'

  Os dous textos traducidos por Manuel Cortés para o espectáculo ‘Martes de Carnaval’ conforman o segundo volume da colección ‘O papel do teatro’

  Está coeditado pola Axencia Galega das Industrias Culturais e Edicións Positivas e pódese atopar xa á venda nos principais establecementos galegos e na Libraría Institucional da Xunta de Galicia

O CDG publica a tradución das pezas de Valle-Inclán 'As galas do defunto' e 'A filla do capitán'
[07/07/2017]
A tradución ao galego das obras teatrais de Valle-Inclán As galas do defunto e A filla do capitán, agrupadas baixo o título Martes de Carnaval, conforman o segundo volume da colección editorial O papel do teatro, que está promovida polo Centro Dramático Galego (CDG) para darlle a difusión necesaria ás versións dos textos dos seus espectáculos.

Manuel Cortés asina a tradución das dúas pezas cumio do esperpento, cuxa publicación cobra o valor engadido de incorporar a obra do autor arousán ao corpus dramático galego, no ano no que a súa produción literaria pasa a ser patrimonio universal e, por tanto, libre de ser traducida a calquera idioma.
 
Do mesmo xeito que xa se fixera co primeiro número da colección, o Tartufo de Molière, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Edicións Positivas asumen en réxime de coedición a publicación deste volume. Trátase dunha edición de peto de 110 páxinas, con fotografías a cor que reproducen algunhas das escenas do espectáculo Martes de Carnaval estreado polo CDG o pasado 20 de abril baixo a dirección de Mata Pazos, e que realiza estes días as súas últimas funcións no Salón Teatro de Santiago de Compostela despois de terse representado noutros oito escenarios.
 
Ademais dos textos de Valle-Inclán, o exemplar inclúe senllos artigos de Fefa Noia, directora do CDG, e de Marta Pazos, así como a relación dos nomes dos equipos artístico e técnico que puxeron en pé a montaxe interpretada por  Iria Azevedo, César Cambeiro, Mercedes Castro, Anabell Gago, Miquel Insua, Alejandro Jato, Pablo Rivero Madriñán, María Roja, Machi Salgado e Sergio Zearreta.
 
Martes de Carnaval: As galas do defunto. A filla do capitán pode mercarse xa a un prezo de 9.50 euros a través da Libraría Institucional da Xunta de Galicia e está tamén dispoñible nos principais puntos físicos de venda galegos.