O 'Verán Cultural' de Ourense ofrece ata setembro nove concertos no marco de 'Cultura no Camiño'

  A primeira das citas preparadas polo Concello en colaboración coa Xunta de Galicia será co grupo Píscore Teatro e o seu ‘Concerto singular (e plural)’

  Todas as actuacións terán lugae na praza de San Martiño, pola que pasarán nas noites dos xoves ata o sete de setembro Silvia Penide, Xardín Desordenado, Lulavai, Uxía, Habitación Vudú, Chupadeskay, Pimentel Trío e Áureas

O 'Verán Cultural' de Ourense ofrece ata setembro nove concertos no marco de 'Cultura no Camiño'
[11/07/2017]

O programa da Xunta de Galicia Cultura no Camiño chega á cidade de Ourense coa actuación este xoves día 13 do grupo Píscore Teatro, que ofrecerá ás 22,30 h. na praza de San Martiño o seu espectáculo para todos os públicos Concerto Singular (e plural). Será, ademais, a primeira das citas do ciclo Verán Cultural que organiza o concello ourensán.


Este ciclo propón desde ese mesmo escenario ao aire libre na zona monumental ourensá diferentes concertos semanais a cargo de bandas e solistas galegos de todos os estilos.

A programación, que foi presentada hoxe na Casa do Concello de Ourense polo alcalde Jesús Vázquez Abad, pola concelleira de Cultura Belén Iglesias e polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación, Jacobo Sutil, ofrece actividade cultural para as noites de cada xoves ao longo de todo o período estival, ao tempo que presenta a cidade como parada dentro da ruta xacobea do Camiño do Sueste-Vía da Prata.

Así, a carteleira para a praza de San Martiño continuará o 20 de xullo co concerto de Silvia de Penide, o 27 de xullo co de Xardín Desordenado; o 3 de agosto co de Lulavai, o 10 de agosto co que terá a Uxía e Sèrgio Tannus como protagonistas, o 17 de agosto co de Habitación Vudú, o 24 de agosto co de Chupadeskay e o 31 de agosto co de Pimentel Trío.

A programación de Cultura no Camiño en Ourense rematará o 7 de setembro co recital do grupo Áureas, aínda que o Verán Cultural proseguirá unha semana máis, ata o día 14, cun recital de boleros a cargo de Abelardo y los Farfanes.

A Agadic e Turismo de Galicia organizan Cultura no Camiño 2017 en colaboración con 98 municipios galegos que son etapas das diferentes rutas xacobeas e co patrocinio da empresa Gadis. O calendario completo desenvolverá ata o 30 de setembro nas catro provincias galegas un total de 317 actuacións musicais, de teatro, danza, novo circo, narración oral e maxia.

-Máis información sobre Cultura no Camiño 2017