A Agadic convoca as subvencións de 2017 para a presenza do cinema galego en festivais de prestixio internacional

  Segundo as bases publicadas no DOG, poderán optar aqueles filmes seleccionados nalgunha das 38 mostras incluídas nunha listaxe entre as que se atopan a Berlinale, Cannes, Locarno, Rotterdam, San Sebastián ou Málaga, entre outras

  A anterior adxudicación en 2016 desta liña de axudas contribuíu á presenza de 11 películas de produtoras galegas en 12 encontros audiovisuais de primeira liña

A Agadic convoca as subvencións de 2017 para a presenza do cinema galego en festivais de prestixio internacional
[13/07/2017]

A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) as bases das subvencións para a promoción e difusión do cinema galego en festivais e mostras de prestixio tanto nacional como internacional celebrados fóra de Galicia entre o día 1 de xaneiro e o 30 de novembro do ano 2017.


A convocatoria ten como obxectivo apoiar as produtoras e creadores galegos na promoción internacional daqueles traballos que teñan sido seleccionados nalgunha das 38 mostras recollidas nas bases, que abranguen moi diferentes liñas de programación e xéneros cinematográficos. Nesta listaxe, que inclúe os 19 festivais clasificados pola Federación Internacional de Produtores Cinematográficos (FIAPF), figuran encontros tan recoñecidos como a Berlinale, Cannes, Karlovy Vary, Locarno, Biennale de Venecia, Mar del Plata, Toronto, Rotterdam, Bafici de Bos Aires, Sundance, Annecy, Clermont-Ferrand, San Sebastián, Cinema Jove de Valenecia, Sitges, Málaga, Sevilla ou a Seminci de Valladolid, entre outros.

O prazo de solicitude esténdese ata o 11 de agosto para a actividade levada a cabo naqueles eventos xa celebrados; e para os restantes, durante un mes desde que se produza a comunicación oficial por parte do festival, co 15 de novembro de 2017 como data límite.

Dotación de 30.000 euros
A Agadic reserva un orzamento inicial de 30.000 euros para estas axudas, ademais de establecer os importes fixos que poderá percibir cada solicitante segundo o festival e/ou sección no que sexa seleccionado, e que se sitúan entre 1.000 e os 5.000 euros. Estas contías poderán destinarse, entre outros gastos, a campañas de publicidade da participación no encontro, elaboración e transporte do material de promoción específico, contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para o evento, desprazamento e estadía no festival dun máximo de 5 persoas do equipo, e tiraxe e/ou subtitulado das copias.

Mediante a última concesión desta liña de axudas, o pasado ano 2016 promoveuse a presenza de 11 filmes e produtoras galegas en 12 festivais de fóra de Galicia, polo que o noso audiovisual tivo presenza nos encontros celebrados en Bos Aires, Locarno, Marsella, Montreal, Nova York, Róterdam, Toulouse, Toronto, San Sebastián, Sevilla, Sitges e Xixón. As películas beneficiadas foron en concreto as longametraxes Angélica (una tragedia), María (y los demás), Migas de Pan, Mimosas, Sicixia e Verengo; e as curtas A liña política, Decorado, Einstein-Rosen, Montañas ardientes que vomitan fuego e Tout le monde aime le bord de la mer.

-Convocatoria publicada no DOG