Conecta FICTION acolleu reunións e presentacións de proxectos por un volume global de negocio de 110M de euros

  A Xunta de Galicia, ICEX e Fundación SGAE promoveron a primeira edición deste evento, que congregou en Santiago do 20 ao 23 de xuño a case 400 profesionais do sector televisivo procedentes de 20 países de Europa, Latinoamérica e EE.UU.

Conecta FICTION acolleu reunións e presentacións de proxectos por un volume global de negocio de 110M de euros
[13/07/2017]
En Conecta FICTION, o primeiro encontro dedicado á coprodución de ficción televisiva (series e miniseries) entre Europa, Latinoamérica e Estados Unidos celebrado en Santiago, mantivéronse máis de 2.500 reunións de traballo e presentáronse proxectos audiovisuais por un volume global de negocio de 110M de euros.

Así o recolle o informe presentado hoxe na reunión do Consello da Xunta pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, no que tamén se especifica que os representantes de máis de 35 canles de televisión de referencia internacional e case 400 profesionais acreditados procedentes de máis de 20 países déronse cita na capital de Galicia do 20 ao 23 de xuño para asistir a Conecta FICTION.

 A Xunta de Galicia, o ICEX España Exportación e Inversiones e a Fundación SGAE, baixo a produción de Inside Content, promoveron esta primeira edición do evento para dar pulo a un sector creativo de base innovadora e cun elevado valor engadido.

A este encontro sectorial de creadores e produtores de TV acudiron un total de 35 canles nacionais e internacionais como Fox Networks Group, HBO, Netflix, Sony Pictures TV, TV Azteca, Univisión, RTP, RTVE, Atresmedia, Mediaset, Movistar+ ou a CRTVG, entre outras, buscando novos proxectos e ideas entre as propostas das produtoras e os creativos presentes no mercado. Estamos a falar duns 110 millóns de euros de negocio potencial, tendo en conta o número de proxectos presentados e o custe medio por proxecto dun capítulo de serie en primetime. A maiores, houbo tamén unha ampla presenza de prensa nacional e internacional, tanto xeral como especializada no audiovisual, que deu unha ampla cobertura a todo o evento, visibilizando ao sector audiovisual galego e difundindo os valores culturais de Galicia.
 
A participación galega
Un total de18 compañías galegas: Abano Producións, Adivina Producións, Agallas Films, Bambú Producciones, Cinemar Films, Comarea, CTV, Ficción Producciones, Frida Films, Lady Bug Films, Portocabo, Pulsa Control Z, Ringo Rango, Sete Media, Vaca Films, Voz Audiovisual, Xamalú Films e Zenit TV participaron no evento. Así mesmo, estiveron presentes a CRTVG e diversas organizacións profesionais como o Clúster Audiovisual Galego ou a Asociación Galega de Produtoras Independentes.
 
No marco do encontro, presentouse o novo proxecto de Vaca Films e Portocabo, Garbo; logrouse un acordo entre a produtora portuguesa, Stop Line, e a galega Agallas Films para a coproducción de Oro negro; e o proxecto galego-cubano de Ficción Producciones , ‘Una casa en Amargura’, alzouse co premio ao desenvolvemento RTVE, entre outros fitos destacados.
 
Arxentina, país de honor
Nesta primeira edición, a organización decidiu propoñerlle ás autoridades do instituto nacional de cine arxentino o nomeamento como país de honor de Conecta FICTION. A decisión foi tomada polo vínculo especial do país austral con Galicia, pero tamén por ser un dos principais mercados de América latina en canto a produción de series de ficción para televisión. A aposta e confianza recibidas de volta desde a Arxentina resultaron moi positivas para a promoción internacional do mercado.
 
De feito, o pasado día 23 de xuño asinouse un acordo institucional entre a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e o Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales de Argentina (INCAA) para promover de xeito conxunto a creación audiovisual. En termos concretos, isto tradúcese na creación dunha coordinadora con representantes das dúas institucións, que deseñará e redactará convocatorias públicas de axudas ao desenvolvemento e á coprodución. O obxectivo é obter obras de calidade que reúnan elementos culturais dos dous territorios e favorezan o intercambio de talento técnico e artístico.

-Web de Conecta FICTION