Volve a Rede Galega de Música ao Vivo con Caxade, Eladio y Los Seres Queridos, Alfredo García Quintet e Los Mecánicos

  A Agadic levará a cabo ata decembro 109 concertos e 2 actuacións de maxia en 31 locais asociados de 20 localidades

  A nova programación semestral reúne 32 formacións de todos os estilos musicais nun circuíto de espazos que suma 5.710 localidades

Volve a Rede Galega de Música ao Vivo con Caxade, Eladio y Los Seres Queridos, Alfredo García Quintet e Los Mecánicos
[18/07/2017]
A Rede Galega de Música ao Vivo, un dos circuítos de exhibición de espectáculos que xestiona a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), inicia esta semana a súa nova temporada de programación semestral cos concertos de Caxade, Eladio y los Seres Queridos, Alfredo García Quintet e Los Mecánicos en distintas salas galegas.

O directo de Caxade sobre o seu novo disco E isto é o amor será esta mesma noite, ás 22,00 h., na Sala Aturuxo de Bueu; en tanto que Eladio y Los Seres Queridos presentarán Cantares o xoves 20 en A Ventana de Laxe. Ese mesmo día soará o jazz de Alfredo García Quintet no Garufa Club da Coruña e Los Mecánicos  interpretarán o recital titulado Grandes éxitos de los años 60 no Pub Gatos de Melide o venres 21 ás doce da noite.
 
Estas son só as primeiras citas musicais do circuíto, que continuará a desenvolverse ata finais de decembro cunha programación de 111 concertos e actuacións nas 31 salas asociadas de 20 localidades de toda Galicia: ACoruña, A Illa de Arousa, Allariz, Baiona, Bueu, Cangas de Morrazo, Cervo, Culleredo, Ferrol, Laxe, Lugo, Melide, Moaña, O Barco de Valdeorras, O Grove, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Vilagarcía de Arousa. A suma das capacidades dos recintos integrantes dá como resultado un total de 5.710 localidadespara a Rede Galega de Música ao Vivo,
 
Solistas e bandas de todos os estilos
A carteleira está composta maioritariamente por solistas e bandas galegos, como son os casos de Tanxungueiras, IGMIG; Blues do País, Dakidarría, Agoraphobia, Emilio Rúa, Cora Sayers, Raiba, Igloo, Brinkadelia Troupe, Gelria, Habelas Hainas ou Bicos con Luvas, entre outros. Complétase con dúas actuacións de maxia a cargo do Mago Deime, que terán lugar en concreto, o 25 de novembro na Sala Muíño de Cervo e o 8 de decembro en A Fundación  de Melide.
 
Esta rede, para a que se conta tamén coa colaboración da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo (Clubtura) ten como obxectivo prioritario atender as necesidades de distribución dos grupos e intérpretes musicais galegos de moi diferentes estilos, ademais de contribuír á estabilidade na programación das salas galegas de música en directo.

Ademais da programación da Rede Galega de Música ao Vivo, a Agadic mantén na actualidade outros circuítos de espectáculos, como son Cultura no Camiño, que se desenvolve ata o 30 de setembro en localidades das rutas xacobeas; Danza 3, que está a levar este ano o baile e a música tradicionais galegas a 12 concellos; a Rede Galega de Teatros de Auditorios, que retomará a súa actividade o 1 de agosto; e a Rede Galega de Salas, que volverá ao encontro co público o 23 de setembro.

-Axenda coa programación da RGMV