As Xociviga 2017 homenaxean a Fernando Rey e amosan 16 filmes do 30 de xullo ao 4 de agosto

  As Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia son o festival cinematográfico decano na nosa Comunidade e un dos subvencionados este ano pola Consellería de Cultura e Educación a través das axudas da Agadic

  Haberá cine internacional, ciclos de ficción e de documentais galegos, sesións matinais infantís, un certame de curtas, exposicións, presentacións de publicacións e un concerto de bandas sonoras, entre outras actividades

As Xociviga 2017 homenaxean a Fernando Rey e amosan 16 filmes do 30 de xullo ao 4 de agosto
[18/07/2017]
As Xornadas de Cine e Vídeo en Galicia (Xociviga) do Carballiño desenvolverá unha nova edición do 30 de xullo ao 4 de agosto co apoio da Xunta de Galicia. A homenaxe ao actor coruñés Fernando Rey, ficción e documentais galegos, cine internacional, exposicións, publicacións e un certame de curtas son algunhas das actividades da súa 33ª edición.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora con este encontro que, organizado polo Concello do Carballiño, é un dos festivais audiovisuais subvencionados este ano a través da convocatoria de axudas da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) para este tipo de eventos.
 
Así o expresou hoxe en rolda de prensa —xunto co concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández— o director da Agadic, Jacobo Sutil, quen recoñeceu a “longa, ininterrompida e frutífera traxectoria” do evento. Destacou, neste sentido, o seu dobre mérito de achegar a cultura audiovisual aos veciños da vila ourensá e, ao tempo, ter contribuído ao desenvolvemento cinematográfico da nosa Comunidade a través de, por exemplo, o impulso a propostas colectivas como a Federación de Cineclubs de Galicia ou a Asociación Española de Historiadores del Cine, así como a posta en valor de nomes tan importantes para a nosa cultura como o do cineasta Carlos Velo ou o do documentalista Manuel Aris Torres.
 
Prólogo con El bosque animado
As Xociviga 2017 comezarán cunha xornada-prólogo na noite do 30 de xullo, coa proxección na praza Maior do Carballiño de El bosque animado. O acto, que contará coa presenza do director José Luis Cuerda, servirá para renderlle homenaxe ao actor galego Fernado Rey, un dos protagonistas do filme, xa que este ano se cumpre o centenario do seu nacemento na Coruña.
 
O programa continuará ata o 4 de agosto con 16 películas en catro seccións: Xociviga Cinema, que exhibirá seis filmes (entre eles, Locas de alegría, Land of Mine ou Un Hombre llamado Ove), Xociviga Nenos, con pases matinais de éxitos infantís, Documentais Galicia, composto por Contando a Carlos Casares, Esquece Monelos e Manuel Vilariño Ser Luz; e Ficción Galega, con María y los demás, Migas de pan, Mimosas e Sicixia.
 
Ademais, a actividade das xornadas comprenden as exposicións Carlos Casares e o Cine, instalada na Casa do Concello (que se completará cunha conferencia do mesmo título a cargo do mestre e crítico Miguel Anxo Fernández); e Retratos Documentados, de José Abalo, que se poderá visitar no Auditorio Municipal. Esta última mostra é tamén a protagonista dunha das publicacións das Xociviga deste ano, xunto co libro-programa  que incluirá textos asinados por José Luis Cuerda sobre Fernando Rey.
 
O certame de curtametraxes CurtasoPrima, a entrega dos premios Xociviga de Honra e Insignia de Ouro, un concerto de bandas sonoras a cargo da Banda-Escola de Música da Limia e mais o proxecto educativo realizado coa Universidade de Vigo Xociviga Aulas son outras das accións previstas.