A Xunta de Galicia confirma a celebración do segundo Conecta FICTION do 18 ao 21 de xuño de 2018

  O conselleiro de Cultura e Educación reuniuse hoxe cos responsables do Clúster Audiovisual Galego, da Asociación Galega de Produtoras Independentes e da Asociación Galega de Guionistas para anunciarlles as datas e iniciar a organización da nova edición deste encontro de profesionais do medio televisivo

A Xunta de Galicia confirma a celebración do segundo Conecta FICTION do 18 ao 21 de xuño de 2018
[20/07/2017]

Conecta FICTION, o encontro internacional para series de televisión celebrado este ano en Santiago de Compostela promovido pola Xunta de Galicia, terá unha segunda edición do 18 ao 21 de xuño de 2018. Así llelo confirmou hoxe o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, aos responsables dos principais colectivos do sector audiovisual.


Na reunión mantida esta mañá participaron Jorge Algora, presidente do Clúster Audiovisual Galego (Clag), Dolores Ben, presidenta da Asociación Galega de Produtoras Independentes, Araceli Gonda, vicepresidenta da Asociación Galega de Guionistas, e Ramón Domínguez, presidente da Asociación Galega de Empresas do Audiovisual, así como o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a coordinadora de Política Audiovisual, Dolores Meijomín.
 
Ademais da confirmación expresa da continuidade do encontro, a xuntanza serviu para intercambiar achegas cara á posta en marcha da organización do vindeiro Conecta FICTION, que volverá ter como sede principal a Cidade da Cultura de Galicia, á Xunta de Galicia como líder no equipo de traballo é á produción de Inside Content. Respóndese así á propia petición dos representantes do sector, que tralo éxito do primeiro Conecta FICTION, amosaron a súa disposición para colaborar nunha segunda edición do encontro.
Rendemento para Galicia
De feito, un total de 18 compañías galegas: Abano Producións, Adivina Producións, Agallas Films, Bambú Producciones, Cinemar Films, Comarea, CTV, Ficción Producciones, Frida Films, Lady Bug Films, Portocabo, Pulsa Control Z, Ringo Rango, Sete Media, Vaca Films, Voz Audiovisual, Xamalú Films, Zenit TV, ademais de CRTVG, participaron e obtiveron rendemento de Conecta FICTION, ao lado de canles como Fox Networks Group, HBO, Netflix, Sony Pictures TV, TV Azteca, Univisión, RTP, RTVE, Atresmedia, Mediaset ou Movistar+.
 
No marco do encontro, que se organizou coa alianza establecida co ICEX Exportación e Inversiones e coa Fundación SGAE, presentouse o novo proxecto de Vaca Films e Portocabo, Garbo; logrouse un acordo entre a produtora portuguesa Stop Line e a galega Agallas Films para a coproducción de Oro negro; o proxecto galego-cubano de Ficción Producciones ‘Una casa en Amargura’ alzouse co premio ao desenvolvemento RTVE, e asinouse un protocolo institucional de colaboración co Instituto Nacional de Cine y Artes Audiovisuales de Arxentina, entre outros fitos destacados.
 
O anuncio dun novo Conecta FICTION chega despois do informe presentado pola Consellería de Cultura ao Consello da Xunta do pasado día 13, no que se daba conta dun primeiro balance de resultados do encontro. Neste documento, especifícase que representantes de máis de 35 canles de televisión de referencia internacional e case 400 profesionais acreditados procedentes de 20 países déronse cita en Santiago do 20 ao 23 de xuño para asistir a este evento. Tamén se reflicte que se mantiveron máis de 2.500 reunións de traballo e que se presentaron proxectos audiovisuais por un volume global de negocio potencial de 110M de euros, cifra que se obtén tendo en conta o número de propostas e o custe medio por proxecto dun capítulo de serie en primetime.
 
Houbo tamén unha ampla presenza de prensa nacional e internacional, tanto xeral como especializada no audiovisual, con máis de 200 impactos directos en medios de comunicación de difusión mundial e unha ampla cobertura de toda a actividade, dándolle visibilidade ao sector audiovisual galego e difundindo os valores culturais de Galicia e a imaxe da Cidade da Cultura.

-Web de Conecta FICTION