O bailarín Daniel Abreu imparte no CDG un taller de adestramento físico para actores

  Baixo o título ‘A través do aire’, o creador desenvolve ata o 28 de xullo no Salón Teatro de Santiago catro sesións sobre o traballo corporal posto ao servizo da interpretación

  Con esta actividade, o Centro Dramático Galego pecha a súa temporada 2016-2017 e volverá en setembro cunha residencia para o espectáculo ‘Elisa e Marcela’

O bailarín Daniel Abreu imparte no CDG un taller de adestramento físico para actores
[26/07/2017]

O Salón Teatro acolle ata o vindeiro 28 de xullo o taller A través do aire, a cargo do creador e bailarín Daniel Abreu e centrado no adestramento físico para actores e actrices. O curso esgotou as 25 prazas destinadas a profesionais da escena ou con formación actoral previa, e dálle tamén cabida en calidade de oíntes a estudantes e afeccionados.


O curso, como xa ocorreu a pasada semana co taller A emoción no corpo, dirixido polo madrileño David Luque, esgotou as 25 prazas destinadas a profesionais da escena ou con formación actoral previa, e dálle tamén cabida, en calidade de oíntes, a estudantes e afeccionados de todos os ámbitos das artes escénicas.

A través das técnicas impartidas por Abreu, os asistentes teñen a oportunidade de adquirir un maior coñecemento dos seus corpos, as súas posibilidades e os seus límites. O tinerfeño complementa as súas indicacións con xogos, dinámicas de grupo e secuencias coreográficas, ademais de usar elementos de improvisación. O traballo enfócase non só desde a técnica, senón tamén desde a expresividade e a compoñente psicolóxica, de xeito que os coñecementos adquiridos polos participantes poidan ser empregados enriba do escenario.

Recoñecido e premiado
Daniel Abreu é Premio Nacional de Danza 2014, na categoría de Creación. Licenciado en Psicoloxía, en 2004 funda en Madrid a súa compañía teatral, na que elabora numerosos traballos coreográficos que foron representados en diversos festivais, tanto nacionais como internacionais. Ademais, colaborou con moitas compañías e con outros creadores e exerceu de docente en centros formativos teatrais en América, Asia e Europa.

Con esta iniciativa formativa, a compañía teatral pública remata a súa temporada 2016-2017. A actividade retomarase en setembro coa residencia da compañía A panadaría para a montaxe de Elisa e Marcela, espectáculo que será coproducido polo Centro Dramático Galego.