A Agadic e o Colectivo RPM poñen en marcha o programa Paraíso de residencias de danza e creación contemporánea

  Promoverán a investigación arredor das artes do movemento co obxectivo de favorecer novos proxectos e compañías, ademais de apoiar as xa consolidadas durante os seus procesos creativos

  Ábrese ata o 13 de agosto o período de inscrición de propostas, entre as que se seleccionarán un máximo de seis para desenvolver estas residencias en colaboración cos concellos da Coruña, Carballo, Lugo, Narón e Ourense

A Agadic e o Colectivo RPM poñen en marcha o programa Paraíso de residencias de danza e creación contemporánea
[27/07/2017]
A Agadic e o Colectivo RPM acaban de poñer en marcha o novo programa Residencias Paraíso de estadías artísticas de investigación arredor da danza e das artes do movemento. Trátase dunha experiencia piloto, con vocación de continuidade, que nesta primeira edición se levará a cabo de setembro a decembro de 2017 en diferentes escenarios galegos.

O obxectivo desta iniciativa conxunta, para a que contan coa colaboración dos concellos da Coruña, Carballo, Lugo, Narón e Ourense na cesión dos espazos, é impulsar a aparición de novos proxectos de creación e compañías neste ámbito escénico en Galicia, así como apoiar as formacións xa consolidadas durante os seus procesos creativos.
 
Como primeiro paso, Residencias Paraíso abre ata o 13 de agosto o período de inscrición de propostas a través do web www.colectivorpm.gal/residencias-paraiso. Os destinatarios do programa son artistas de creación contemporánea, tanto consolidados como emerxentes e con sede en Galicia ou no resto de España, aínda que terán preferencia os residentes no territorio galego.
 
Seis espazos colaboradores
Entre todos os proxectos recibidos, seleccionaranse un máximo de seis residencias cun importe de entre 2.500 e 3.000 euros cada unha. Os seis espazos dispoñibles para acoller estas estadías, de dúas a tres semanas de duración, son o Teatro Rosalía Castro e a Fundación Luis Seoane da Coruña, o Pazo da Cultura de Carballo, o Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Narón e o Auditorio Municipal de Ourense. As súas diferentes tipoloxías favorecen a acollida das distintas fases dun proxecto, como as de investigación, escritura, traballo dramatúrxico, creación coreográfica e residencia técnica.
 
As propostas seleccionadas daranse a coñecer o 21 de agosto, tras a avaliación que levará a cabo unha comisión integrada por tres profesionais das artes do movemento e dous dos membros do Colectivo RPM. Na súa decisión, teranse en conta aspectos como a calidade artística, o grao de madurez e solidez, a relación entre o proxecto e o territorio ou as actividades complementarias que se poidan compartir con público e/ou profesionais durante a estadía.
 
Residencias Paraíso nace coa finalidade de dar un novo impulso á investigación e creación coreográfica na nosa Comunidade. Con este obxectivo común, a Agadic colabora con RPM, un colectivo independente integrado na actualidade por cinco destacados artistas no ámbito das artes do movemento e da creación contemporánea en Galicia: Rut Balbís, Catarina Varela, Félix Fernández, Andrea Quintana e Alexis Fernández.