Román Rodríguez visita a rodaxe do filme subvencionado pola Xunta 'La sombra de la ley'

Román Rodríguez visita a rodaxe do filme subvencionado pola Xunta 'La sombra de la ley'
[02/08/2017]
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe a rodaxe en Santiago de Compostela do filme La sombra de la ley, a segunda longametraxe do realizador galego Dani de la Torre, quen volve contar co actor Luis Tosar como protagonista principal tras o éxito que ambos tiveron en El desconocido.

O filme acaba de obter unha subvención de 240.000 euros a través da última convocatoria de axudas a producións e coproducións audiovisuais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que achega dous millóns de euros a 12 novas fitas con participación galega.

O director da Agadic, Jacobo Sutil, acompañou o titular de Cultura na visita, durante a que intercambiaron impresións co equipo desta coprodución hispano-francesa, encabezada por Vaca Films, Atresmedia Cine e La Ley del Plomo AIE. Galicia está a ser o escenario de gran parte da rodaxe deste thriller, inspirado no ambiente do gansgsterimo e os negocios ilegais da España dos primeiros anos vinte, que tamén dispón de localizacións en Pontevedra, Lugo, Monforte de Lemos, e A Coruña.