A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa 539 funcións escénicas e concertos en 2017

  Esta semana arranca o seu segundo período de actividade anual, que de agosto a decembro ofrecerá 220 citas culturais en 34 concellos

  A Xunta xestiona este circuíto profesional de exhibición, que este ano conta cun orzamento de 1,53 millóns de euros cofinanciado entre a Agadic e as entidades locais con espazos asociados

  Xunto coa Rede Galega de Música ao Vivo, Rede Galega de Salas e Cultura no Camiño, suma 1.250 citas culturais en todo Galicia durante 2017

A Rede Galega de Teatros e Auditorios programa 539 funcións escénicas e concertos en 2017
[03/08/2017]
A Rede Galega de Teatros e Auditorios (RGTA) retoma esta semana a súa actividade de exhibición de espectáculos escénicos e musicais, que durante 2017 ten previsto ofrecer 539 citas culturais en 44 dos seus espazos asociados. Neste segundo período de actividade anual, que se estende ata decembro, programaranse 220 funcións e concertos.
Terán lugar en 34 dos concellos do circuíto, promovido pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e cofinanciado coas entidades locais que xestionan os escenarios.

Para desenvolver esta carteleira, a rede conta este ano cun orzamento de 1,53 millóns de euros, a través do que se contratan as actuacións de 144 compañías profesionais de teatro, música, danza, maxia e circo, galegas na súa meirande parte. Este investimento vén experimentando un progresivo incremento nos últimos anos (dun 8,2% respecto a 2016 e de máis do 30% respecto a 2014) co obxectivo de reforzar o papel deste circuíto, con máis de 20 anos de traxectoria, como canle estable para o encontro entre o público e a nova produción escénica e musical galega.
 
Carteleira de agosto
A carteleira da RGTA para esta segunda metade de 2017 deu comezo esta semana en Foz coas últimas propostas teatrais das compañías Pérez&Fernández e Expresión Producións. En agosto, tamén están previstas as actuacións de Roi Casal, que ofrecerá mañá un concerto en Gondomar (ás 22,00 h. no Auditorio Lois Tobío), Abarajar Producciones co espectáculo de maxia Fusión (día 7 en Foz), Budiño con Mercedes Peón (día 9 no Carballiño) e Contraproducións con O tolleiro de Inishmaan (día 18 en Cee).
 
A programación intensificarase a partir de setembro, mantendo a aposta da Rede polasmontaxes de teatro galego e en galego de compañías e intérpretes como A Panadaría, APP Creacións, ArtesaCía, Avento, AvoaYouja, Baobab Teatro, Berrobambán, Borja Fernández, Bucanero, ButacaZero, Caramuxo Teatro, EducaTeatro, Elefante Elegante, Eme2, Fantoches Baj, Galeatro, Ghazafelhos, Grupo Chévere, Ibuprofeno Teatro, Ilmaquinario Teatro, Limiar Teatro, Lucecús Teatro, Magín Blanco, Malasombra, Matrioshka Teatro, O Retrete de Dorian Gray, Os Naúfragos, Os Sete Magníficos + 1, Píscore, Producións Dispersas, Producións Teatráis Excéntricas, Redrum, Sarabela, Talía, Tanxarina, Teatro del Andamio, Teatro do Atlántico, Teatro do Morcego, Teatro do Noroeste, Teatro ó Cubo, Teatro Proscrito, Títeres Cachirulo, Trompicallo, Voadora e Xurxo Cortázar, ademais das devanditas Pérez&Fernández e Expresión Producións.
 
No conxunto das formacións contratadas durante este período atópanse tamén nomes como os de BalletNorte, Las Tricotouses, Nova Galega de Danza e trasPediante en danza; A Gramola Gominola, Camerata Lírica, Carmen Penim, De Vacas, Fran Amil, Mamá Cabra, Marta Sancho e Jorge Abreu, Quinteto Nuestro Tiempo e Xabier Díaz en música; Alenti, Cayetano Lledó, Estrelas Máxicas Máxico Brais, Gran Pedrini, Javier Muro, Mago Benxamín, Mago Marco e Martín Valera en maxia; e Asacocirco e Pistacatro en novo circo.
 
Tanto a programación desta rede como do resto dos circuítos de espectáculos xestionados pola Agadic (Rede Galega de Música ao Vivo, Rede Galega de Salas e Cultura no Camiño) pode consultarse nas seccións de axenda dos webs de Cultura da Xunta e da Agadic. Estas catro carteleiras suman 1.250 citas culturais en todo Galicia durante 2017.