Danza 3 chega ao seu ecuador con actuacións en Mos, Ribadeo, Ortigueira e Sanxenxo

  A Agadic colabora coas agrupacións do colectivo XOC (Xacarandina, O Fiadeiro e Cantigas e Agarimos) no desenvolvemento deste programa, que busca transmitirlles aos espectadores a riqueza da música e o baile tradicionais

  O Auditorio de Torroso de Mos acolle este domingo o espectáculo de O Fiadeiro, mentres que Xacarandaina preséntase o día 15 en Ribadeo e o 26 en Ortigueira, e Cantigas e Agarimos o 27 en Sanxenxo

Danza 3 chega ao seu ecuador con actuacións en Mos, Ribadeo, Ortigueira e Sanxenxo
[04/08/2017]
O programa Danza 3 de difusión da música e o baile tradicionais chega este mes ao seu ecuador con catro novas citas en Mos, Ribadeo, Ortigueira e Sanxenxo. A Agadic impulsa este ciclo xunto coas agrupacións do colectivo XOC: Xacarandaina da Coruña, O Fiadeiro de Vigo e Cantigas e Agarimos de Santiago de Compostela.

A primeira das actuacións de agosto correrá a cargo do Fiadeiro, que se presenta este domingo, ás 20,00 h., no Auditorio de Torroso de Mos. No seu espectáculo, a agrupación viguesa dá conta da riqueza de ritmos, xeitos de tocar e vestiario tradicional en Galicia. Medio cento de artistas son os encargados de interpretar as diferentes escenas que recrean algunhas das festas máis populares. As entradas, a un prezo de 5 euros, poden adquirirse tanto nas oficinas do Auditorio das Pozas como no de Torroso.
 
Pola súa banda, Xacarandaina chegará o día 15 a Ribadeo para ofrecer no Cine Teatro a montaxe Patrimonio inmaterial, a través da que fai un percorrido polas diferentes manifestacións do folclore galego (vestiarios, músicas, cantos e bailes), incidindo na súa posta en valor como parte indispensable da nosa tradición e cultura. Ademais, o día 26 estará en Ortigueira cunha función de rúa arredor da praza Isabel II.
 
Cantigas e Agarimos completa a carteleira deste mes coa súa presentación en Sanxenxo, que terá lugar o día 27 na praza dos Barcos, ata onde levaráunha mostra do seu amplo repertorio buscando implicar no espectáculo aos cidadáns e visitantes da localidade.
 
Difusión do patrimonio inmaterial
Con máis de oito anos de traxectoria, esta iniciativa naceu co obxectivo de impulsar a proxección social do vizoso patrimonio inmaterial que atesouran a música e o baile tradicionais, así como do labor de investigación, conservación e divulgación do folclore galego que desenvolven este tipo de agrupacións.
 
Tanto a través dos seus espectáculos de rúa como das galas en escenarios, o colectivo XOC –que suma máis de 1.500 socios– homenaxea a todas as persoas que exerceron e exercen de transmisores e baluartes da danza e a música tradicionais galegas.
 
A edición deste ano, que arrancou en xuño en Carral e visitou tamén Muros, Redondela, Carballo e O Irixo, continuará en setembro coa representación de Cantigas e Agarimos o día 9 na localidade de Sigüeiro (Oroso). Ademais, a agrupación compostelá levará o seu espectáculo Balbino, co que lembra a figura e a obra de Xosé Neira Vilas, ao Auditorio Carmen Estévez Eguiagaray de Vilalba o 15 de outubro. Danza 3 2017 concluirá en Baltar, onde O Fiadeiro actuará en novembro.