A Xunta mantén a súa colaboración co Concello de Ourense para a organización do OUFF

  A Agadic achega 35.000 euros á vixésimo segunda edición do certame, que terá lugar do 20 ao 27 de outubro

  O encontro buscará a súa descentralización, expandindo a programación ao resto da provincia co obxectivo de chegar ao maior número de espectadores posible

A Xunta mantén a súa colaboración co Concello de Ourense para a organización do OUFF
[05/08/2017]
A Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), mantén este a ano a súa colaboración co Concello de Ourense para o desenvolvemento do seu Festival de Cine Internacional OUFF, que celebrará a súa vixésimo segunda edición do 20 ao 27 de outubro.

O alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad, e o director da Agadic, Jacobo Sutil, asinaron o convenio mediante o que a entidade da Consellería de Cultura e Educación destina 35.000 euros ao desenvolvemento de accións conxuntas que afonden na promoción do sector audiovisual galego no marco do festival ourensán.
 
O OUFF é un dos eventos culturais máis relevantes de Ourense e un dos máis destacados no ámbito galego, durante o que o público pode gozar de producións non estreadas nos circuítos comerciais, así como de ciclos centrados en actores, directores e cinematografías de prestixio internacional que abrangue numerosas nacionalidades.
 
A de 2017 preséntase como unha edición de avance na nova dirección emprendida polo festival o ano pasado: “Un cambio de orientación cara a unha maior especialización no cine iberoamericano para facerse eco da gran vitalidade da sétima arte en países como Arxentina, Chile, Colombia, Portugal, Brasil ou España”, segundo se recolle no convenio, pero tamén na intención de traer novos nomes á programación, apostando por unha competición exclusiva para cineastas que encaran o reto do seu primeiro filme.
 
Compromiso co cinema galego
Así mesmo, o convenio incide no compromiso co cinema de Galicia como unha das bases irrenunciables do festival, potenciando a súa presenza non só coa proxección de películas, senón coa implicación directa da comunidade cinematográfica galega nas diferentes actividades do Festival de Cine Internacional de Ourense.
 
Esta nova edición terá presenza en toda a cidade pero, cunha clara intención de descentralización, pretende expandirse por toda a provincia para posibilitarlle o acceso ás propostas do OUFF ao maior número de espectadores posible.

-OUFF