V de Valarés e Revenidas enchen de música a fin de semana co apoio da Xunta

  Son dous dos 20 eventos subvencionados este ano pola Axencia Galega das Industrias Culturais a través das axudas a festivais musicais e de artes escénicas

  Ambos os encontros de Ponteceso e Vilaxóan, respectivamente, combinan a oferta de concertos coa promoción do contorno no que se desenvolven

V de Valarés e Revenidas enchen de música a fin de semana co apoio da Xunta
[17/08/2017]
A temporada de festivais continúa a fin de semana con dúas novas citas que contan co apoio da Xunta: V de Valarés, en Ponteceso, e Revenidas de Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa. Ambos os eventos contan con subvención Agadic a través das axudas para festivais musicais e de artes escénicas, da que este ano resultaron adxudicatarios 20 encontros.


As dúas programacións arrancan mañá e, ademais de compartir datas de celebración, coinciden en combinar a súa oferta de concetos coa promoción do contorno no que se desenvolven. No caso de V de Valarés, o festival terá lugar mañá e o sábado na praia de Balarés, na Costa da Morte, coa música e a natureza como protagonistas.
 
Neste sentido, a organización incidirá concienciación medioambiental durante o evento, facendo especial fincapé no concepto de sostenibilidade e organizando actividades específicas relacionadas de promoción do respecto ao ecosistema.
 
En canto á carteleira musical, V de Valares conta con nomes ben coñecidos do panorama estatal como Love of Lesbian, La Habitación Roja ou Los Planetas, ademais de grupos galegos como Bifannah, Terbutalina ou Os Amigos dos Músicos.
 
A representación galega é especialmente significativa no cartel do XIV Revenidas, con 15 bandas como Dakidarría, Terbutalina, De Vacas, Voodoo ou Doen, que desde mañá e ata o domingo compartirán escenarios con grupos do resto de España, Arxentina, Hungría ou Reino Unido como Skindred, La Pegatina, Riot Propaganda ou Bohemian Betyars.
 
A venda anticipada de bonos e entradas a prezo reducido para ambos os festivais estará dispoñible ata mañá (13,00 e 11,00 h., respectivamente) nos seus webs (www.vdevalares.es e www.revenidas.com) e nos establecementos asociados.

Na imaxe, o público nun dos concertos do Revenidas do ano pasado. Fonte: festival Revenidas.