A Rede Galega de Música ao Vivo abre unha convocatoria para a admisión de salas

  A Agadic consensuou co sector as bases para a selección dos locais que formarán parte deste circuíto, que inicia así un proceso para reforzar os seus estándares de calidade e profesionalidade

  A súa carteleira de 2017 ofrecerá preto de 200 concertos, para os que a Xunta achega un 85 por cento do financiamento

 A Rede Galega de Música ao Vivo abre unha convocatoria para a admisión de salas
[25/08/2017]
A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Consellería de Cultura e Educación mantén aberto ata o 22 de setembro o prazo de solicitude de admisión de salas na súa Rede Galega de Música ao Vivo. As bases deste proceso foron consensuadas cos representantes das principais asociacións do sector en Galicia.
O obxectivo de avanzar cualitativamente na profesionalización deste circuíto, que en 2017 ofrecerá preto de 200 concertos nunha trintena de salas de toda Galicia.

De acordo coa nova convocatoria, publicada esta semana no Diario Oficial de Galicia, seleccionarase un máximo de 35 locais para acoller a programación da rede. Poderán optar a formar parte dela as entidades xestoras de salas de música de titularidade privada que reúnan unha serie de requisitos, como estar en posesión das autorizacións legalmente esixidas para realizar espectáculos en directo ou contar cunha programación estable de concertos durante os dous últimos anos.
 
Unha comisión de valoración encargarase de analizar todas as solicitudes para elaborar unha proposta de admisión de acordo cos criterios de baremación que se especifican nas bases. Entre eles, a capacidade do local, antigüidade, concertos programados nos últimos dous anos, equipamentos audiovisuais, acceso ou estado do escenario e dos camerinos.
 
Décimo aniversario
Cando se celebra o décimo aniversario do inicio da actividade da Rede Galega de Música ao Vivo, con esta convocatoria iníciase un proceso que busca reforzar os estándares de calidade das súas salas para acoller concertos nas mellores condicións tanto para os grupos como para o público. Posteriormente, introduciranse tamén modificacións nas normas de funcionamento interno do circuíto que, de novo, serán consensuadas co sector.
 
A Agadic financia o 85% da programación desta rede, promovida en colaboración coa Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura, mentres que os locais asociados asumen o 15% restante.  Nela teñen cabida unha ampla variedade de estilos musicais, así como espectáculos escénicos de pequeno formato, cun gran protagonismo dos grupos galegos.

-Máis información