Continúa en Pontevedra a filmación da longametraxe subvencionada pola Xunta 'La sombra de la ley'

   A Agadic apoia con 240.000 euros a nova longametraxe do director Dani de la Torre, protagonizada por Luis Tosar, a través da súa convocatoria de axudas á produción audiovisual

  Jacobo Sutil visitou o equipo da película no IES Valle-Inclán, convertido nunha comisaría para este thriller ambientado nos anos vinte

Continúa en Pontevedra a filmación da longametraxe subvencionada pola Xunta 'La sombra de la ley'
[25/08/2017]
 O equipo de La sombra de la ley continúa a súa rodaxe en Galicia, con localizacións en Santiago, A Coruña, Lugo, Monforte de Lemos e Pontevedra. Nesta última cidade filman estes días diferentes escenas da segunda longametraxe do realizador galego Dani de la Torre, quen, tras o éxito de El desconocido,  volve contar con Luis Tosar como protagonista.

O filme obtivo unha subvención de 240.000 euros por parte da Xunta de Galicia, a través da última convocatoria de axudas a producións e coproducións audiovisuais da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que achega dous millóns de euros a 12 novas fitas con participación galega.
 
O director da Agadic, Jacobo Sutil, visitou este mediodía o set de filmación instalado no IES Valle-Inclán, convertido nunha comisaría dos anos vinte para acoller esta coprodución hispano-francesa, encabezada por Vaca Films, Atresmedia Cine e La Ley del Plomo AIE.
 
A rodaxe arrancou o 12 de xullo en Barcelona e trasladouse hai un mes a Galicia como escenario de gran parte deste thriller, que está a contar tamén con numerosos figurantes galegos. Con guión de Patxi Amezcua, a fita inspírase en feitos históricos para reflectir o ambiente de disturbios, gansgsterimo e negocios ilegais da España dos primeiros anos vinte do século pasado.
 
Luis Tosar dálle vida a Aníbal Uriarte, un policía enviado a Barcelona para colaborar coa comisaría local na localización e detención dos responsables do robo dun tres militar. Michelle Jenner, Vicente Romero, Ernesto Alterio, Paco Tous y Manolo Solo completan el elenco principal de La sombra de la ley.