O Auditorio Municipal de Ourense presenta a súa nova carteleira infantil en colaboración coa Agadic

  De setembro a decembro acollerá 21 espectáculos para público familiar, 16 deles programados dentro da Rede Galega de Teatros e Auditorios, así como a 14ª edición da Mostra de Teatro Infantil

O Auditorio Municipal de Ourense presenta a súa nova carteleira infantil en colaboración coa Agadic
[28/08/2017]
O Concello de Ourense presentou hoxe a programación infantil do Auditorio Municipal, que entre setembro e decembro ofrecerá 21 propostas de teatro, música, danza e circo, ademais da décimo cuarta edición da Mostra de Teatro Infantil (Moti). A Consellería de Cultura colabora nesta carteleira a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Este circuíto de distribución de espectáculos está xestionado pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), que cofinancia a súa actividade en colaboración con máis de 40 espazos asociados.
 
O director da Agadic, Jacobo Sutil, participou hoxe nesta presentación xunto ao alcalde de Ourense, Jesús Vázquez Abad; a concelleira de Cultura, Belén Iglesias; e o programador cultural do Auditorio Municipal, Manuel Freire. Asistiu tamén a delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz Mouteira.
 
Sutil sinalou que o Concello ourensán é un dos socios máis activos da Rede Galega de Teatros e Auditorios, como demostra o feito de que 16 dos 21 espectáculos desta oferta para público infantil e familiar formen parte, así mesmo, da nova programación semestral do circuíto que promove a Xunta de Galicia.
 
Programación en rede
Destacou igualmente a variedade e calidade desta carteleira en rede, cun gran protagonismo das compañías galegas e dos espectáculos teatrais como PingüíSOS de Lucecús Teatro (17 de setembro), O pequeno señor Paul de Baychimo (24 de setembro), 5 Historias para unha man (8 de outubro) e Vacacións no mar (5 de novembro) de Mircromina, O valo de Culturactiva (15 de outubro), O faiado de Teatro ao Cubo (29 outubro), Os golfiños e o xigante de Fantoches Baj (19 de novembro), Contacreques de Eme 2 (26 de novembro), Planeta Ardora de Trompicallo (3 de decembro), Aguratrat de Pérez&Fernández (10 de decembro) e Pum Pum de Baobab Teatro (29 de decembro).
 
Tamén haberá espazo para as propostas musicais como Hansel e Gretel de Avento Producións Teatrais (22 de outubro), de novo circo como O apartamento de Cirk About It (1 de outubro) e BB Circus de Asacocirco (3 de novembro), e de Danza como Voos de Aracaladanza (17 de decembro) e Zaquizamí de Cía Roberto G. Alonso (28 de decembro).
 
O director da Agadic felicitou o Concello por esta carteleira, ao tempo que destacou o papel que na creación e consolidación de públicos xogan as programacións especialmente pensadas para os espectadores máis novos, “que nos permitan crear hábitos de consumo cultural desde os primeiros anos e que estes se transmitan de xeración e xeración”, sinalou.
 
As entradas para todas as funcións inseridas na nova oferta infantil do Auditorio Municipal de Ourense poden adquirirse de xeito anticipado no web www.ataquilla.com, no teléfono 902 504 500 e na sala de exposicións de Afundación, así como no despacho de billetes desde dúas horas antes do comezo da representación. O seu prezo é de 3 euros en venda anticipada e de 4 euros en billeteira (agás para a ópera infantil A frauta máxica e o festival Clan en Vivo). Ademais, o Concello habilitou o Bono á Carta para moitas destas citas, cun desconto do 20% pola compra de cinco entradas.

-Ourense Cultura

-Programación infantil do Auditorio Muicipal (pdf)